O proxecto consistirá no aumento da capacidade da vía ao longo dos primeiros 7 quilómetros co fin de incrementar a seguridade viaria
A Xunta recibiu 30 propostas de empresas para executar as obras de ensanche e mellora da estrada entre Ordes e Cerceda. Este proxecto de construción ten por obxecto a mellora e acondicionamento da estrada que comunica o municipio coruñés de Ordes co de Cerceda, nos puntos quilométricos 0+000 e 7+000.
O Goberno galego asumiu a titularidade desta vía, de 8,28 quilómetros de lonxitude, que constitúe o principal acceso a SOGAMA, ao seu paso polo Concello de Ordes.
Esta actuación é moi importante, xa que, na actualidade, a estrada que comunica Ordes con Cerceda, a través de Mercurín, resulta estreita e pouco axeitada, tendo en conta a importante intensidade de vehículos pesados que circulan por ela, ao servir de acceso principal a varias instalacións industriais, entre as que se atopa a Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA).
Por iso, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda aumentará a súa capacidade e incrementará a seguridade viaria mediante o aumento da súa sección e mellora de sinalización, drenaxe, balizamento e interseccións.