Friday 22 de November de 2024

A Xunta aposta por promover a concienciación cidadá para protexer e poñer en valor as árbores senlleiras


O Centro de Investigación Forestal de Lourizán acolleu estes días un simposio nacional sobre este tipo de formacións arbóreas tan singulares

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán, situado no municipio de Pontevedra, acolleu un Congreso Nacional sobre árbores senlleiras co fin de promover a concienciación cidadá para protexer este patrimonio forestal.

Entre os asistentes estiveron presentes o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, e a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz. Ambos responsables constataron a importancia que teñen as árbores singulares para Galicia, así como a riqueza que encerran as terras galegas neste ámbito. Neste senso, os responsables autonómicos apostaron pola divulgación deste tipo de formacións para promover a súa conservación e respecto cidadán, dado o seu valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico e ornamental.

Este simposio, o cal estivo organizado pola Sociedad Española de Ciencias Forestales e a organización Bosques Sin Fronteras, reuniu a varios expertos de todo o territorio nacional onde puideron repasar a situación galega e intercambiar ideas, tecnoloxías, metodoloxía e oportunidades neste ámbito.

Así, entre as conclusións está a necesidade de ampliar o catálogo a outros exemplares e medidas para o seu correcto mantemento. Así mesmo, os expertos resaltaron que é preciso crear un banco de xermoplasma e desenvolver protocolos de traballo de clonación, xa que estas árbores posúen un valor xenético incalculable e, en moitos casos, son as únicas representantes de antiquísimas formacións vexetais que existiron fai centos de anos.

Este congreso permitiu poñer en valor o patrimonio que representan estas plantacións, que polas súas características están consideradas verdadeiras reliquias botánicas. Precisamente na nosa comunidade están catalogadas desde o ano 2011 un total de 145 exemplares e 32 formacións arbóreas.