O alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI Cernadas de Castro de Lousame participou na tarde de onte xoves nun Obradoiro de Fotografía Social impartido polo fotoxornalista Felipe Carnotto Díaz e organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en colaboración co Concello de Lousame. Durante dúas horas, os rapaces e rapazas de Lousame trataron cuestións como a imaxe como ferramenta do cambio social, a historia da fotografía documental, que é o fotoxornalismo, o respecto polas persoas fotografadas.
Ademais, o alumnado do CPI Cernadas de Castro visionou un traballo realizado por Felipe Carnotto en Nicaragua: “Nicaragua. O futuro”, financiada e promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Por último, o obradoiro rematou cunha actividade práctica na que o alumnado de Lousame tirou as súas propias fotografías co seu teléfono móbil.
Carnotto tamén aproveitou para convidar aos presentes a participar no Concurso de fotografía e vídeo Imaxes con Fondo III, cuxo prazo de presentación remata o próximo 15 de novembro. Os traballos deberán axustarse á temática da interculturalidade e haberá dúas categorías: xuvenil (de 14 a 17 anos) e adulta (18 ou máis anos).