Susana García, deputada provincial e edil de Educación do Concello de Ordes, entregou os diplomas do curso de nivel básico Celga, impartido polo Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Nesta ocasión os alumnos e alumnas, que levan asistindo ás clases dende hai máis dun mes, proceden de lugares tan diversos como Cataluña, Colombia, O Brasil, A Arxentina, Venezuela, Marrocos e a mesma Galicia. A edil de Educación ordense desexoulles a todas e a todos “moita sorte de cara ás probas” ás que se van presentar en breve, ademais de felicitalos e recoñecer “o esforzo, interese e dedicación demostrada na aprendizaxe da nosa lingua”. Susana García tamén destacou a importancia de acadar a certificación das competencias básicas en lingua galega e o certificado correspondente de cara a procesos de selección no ámbito público.