O Museo do Humor de Fene volverá ser o escenario nas vindeiras semanas do ciclo “Novembro, mes do humor”, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Fene coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña (Rede Cultural).
O programa inclúe, coma en edicións anteriores, catro funcións e comezará este venres, 4 de novembro, co espectáculo “Ao vivo” do actor e contacontos Carlos Blanco. Nos seguintes venres do mes de novembro, os/as protagonistas serán Paula Carballeira (“Os contos que non me contaron”), Xan de Arzúa (“Monólogo de Xan de Arzúa”) e Quico Cadaval (“Fantasmas familiares”).
Toda as sesión deste novo ciclo “Novembro Mes do Humor” desenvolveranse no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene (Avda. de Conces, 20-22) ás 20 horas. As entradas serán de balde aínda que para asistir a calquera dos espectáculos programados haberá que recoller invitacións (2 por persoa) o mesmo día da actuación na conserxería da Casa da Cultura de Fene a partir das 16 horas. Por capacidade do salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, o aforo estará limitado a 120 persoas.
O “Novembro Mes do Humor” comezará este venres, 4 de novembro, con “Ao vivo”, de Carlos Blanco, un espectáculo no que o actor e monologuista compila “boa parte dun repertorio en permanente re-creación. Non todo, eh? Quedaron fora textos e anécdotas, un bo lote delas, pero inda así pódese considerar un bo resumo do meu traballo nos últimos 10 anos, en todo tipo de garitos, en mil lugares ou mais, en 12 países ou máis…”
O venres 11 de novembro actuará no Museo do Humor a actriz e contacontos fenesa Paula Carballeira. Adicada profesionalmente ao teatro e á narración oral, Paula Carballeira participa habitualmente en festivais tanto nacionais como internacionais, amais de manter unha actividade regular como contadora de contos en bibliotecas de toda Galicia. Ademais, pertence dende 1996 á compañía teatral Berrobambán (aínda que tamén ten dirixido espectáculos noutras compañías galegas) e é autora de numerosos títulos de literatura infantil e xuvenil, polos que recibiu numerosos premios e recoñecementos.
O venres 18 de novembro, tomará o relevo no ciclo Novembro Mes do Humor o monologuista Xan Veiga, máis coñecido como Xan de Arzúa. Gañador de concursos de televisión como “Supermartes” (TVG) ou “No te rías que es peor” (TVE1), colabora de xeito regular dende hai varios anos no programa “Luar” da TVG. Ademais, gañou o premio ao mellor traballo orixinal na edición 2011 de “nosolomonólogos” no que participaron máis de 80 humoristas.
O ciclo Novembro Mes do Humor concluirá o venres 25 de novembro cos “Fantasmas familiares” de Quico Cadaval. Trátase dun “espectáculo de narración oral que se leva transformando nos últimos quince anos acomodándose ás circustancias ambientais, inclemencias do clima, ás experiencias persoais do artista e aos terrores mais íntimos do público”. Por estes “Fantasmas familiares” transitan espectros, valentes, milagreiros, peixeiras, mariñeiros, mitos do rock, líderes relixiosos, taberneiras, reis, golpistas, presos, adiviños, sicarios, prostitutas, axentes da orde, industriais, cantores melódicos, gandeiros, “mais non é seguro que se aparezan todos”.
A derradeira sesión do ciclo “Novembro Mes do Humor” coincidirá coa apertura-inauguración da exposición “Curuxas 2016” e coa entrega de premios do concurso de humor gráfico que organiza anualmente o Museo do Humor de Fene.