Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame inviste case 60.000 euros na renovación do alumeado en Marracín e Tállara e no polideportivo municipal


Substituíronse 129 luminarias con equipos pouco eficientes por equipos electrónicos con lámpadas LED que permitirán un menor consumo de enerxía

O Concello de Lousame vén de investir 58.820 euros na renovación de 102 luminarias públicas nos lugares de Marracín e Tállara, así como no arranxo do alumeado no polideportivo municipal, que contaban con equipos avellentados e pouco eficientes. Un investimento realizado ao abeiro do Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2015.

Os traballos consistiron na renovación de 53 luminarias en Marracín, que foron substituídas por novas farolas de 41 vatios de potencia, así como dun reloxo astronómico para o control do seu acendido e apagado. No caso de Tállara, renováronse outras 49 luminarias, combinando 41 luminaras de 43 vatios de potencia con outras 8 farolas de 27 vatios.

Porén, a obra máis significativa tivo lugar no polideportivo municipal de Lousame, xa que contaba con equipos avellentados e pouco eficientes que foron substituídos por 24 lámpadas LED en formato tubo fluorescente tradicional para instalar en 12 luminarias. Ademais, colocáronse outras 3 luminarias con tecnoloxía LED no exterior do edificio e reformouse o cadro de mando, de forma que facilita o seu manexo e asegura que só será empregado por persoal autorizado para facelo. Con este cambio, o polideportivo Pilar Barreiro Senra gaña en luminosidade, ao tempo que reduce considerablemente o consumo de enerxía.