Un milleiro de persoas acudiron ao Encontro do Maior de Riveira 2016: iniciativa promovida polo Concello a través da Concellería de Servizos Sociais dentro do seu Programa de Dinamización Social dos Nosos Maiores que tivo na festa celebrada no polideportivo da Fieiteira o seu prato forte.
Antes, ás 12.30 horas, tivo lugar a tradicional misa cantada na Igrexa Parroquial de Santa Uxía, que contou coa intervención da Coral Polifónica Municipal de Riveira ás ordes de Enrique Paisal.
E pasadas ás 13 horas abríronse as portas do polideportivo da Fieiteira para que os maiores puideran ir tomando asento na celebración cuxa hora de comezo era as 14 horas. A espera foi amenizada polo grupo de gaitas O Rueiro de Palmeira.
Distintas autoridades quixeron acompañar esta cita, como o senador José Luis Torres Colomer, os alcades de A Pobra e Porto do Son (Xosé Lois Piñeiro e José Oujo), o capitán marítimo de Vilagarcía Manuel Martínez Calvo, o novo comandante da EVA 10 Juan José Vázquez Moreira, ou a filla adoptiva Magdalena Bringas.
Antes do proceder o inicio do xantar tanto a concelleira Esther Patiño como o alcalde Manuel Ruiz dixeron unhas palabras de benvida. Neste senso, o rexedor municipal expresou a súa satisfacción por poder celebrar esta festa que é unha homenaxe ao esforzo levado a cabo polos nosos maiores durante toda unha vida e que manifestou ter intención de seguir celebrando ao igual que ten lugar no resto dos concellos.
Tras o xantar, tivo lugar un sorteo de doce agasallos por cortesía de distintas firmas comerciais do municipio ademais do Concello, e despois deuse paso á música co grupo Destellos.