Friday 22 de November de 2024

Ordes mantén vivo o recordo de Ramiro Recouso no primeiro aniversario do seu pasamento


No paseo fluvial que leva o seu nome descubriuse un busto de bronce ante a presenza de numeroso público composto por amigos, familiares, compañeiros de partido, membros da corporación e veciñanza

Coincidindo co primeiro aniversario do seu pasamento o Concello e o pobo de Ordes ofreceulle a o edil do BNG Ramiro Recouso unha emotiva e calurosa homenaxe.
No paseo fluvial que leva o seu nome descubriuse un busto de bronce, obra do escultor Suso León. Arroupando este acto estiveron, ademais de veciños e veciñas, os seus compañeiros de partido, amigos, familiares, os integrantes do equipo do Goberno Local co alcalde á cabeza, ademais doutros compañeiros da escena política como a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.
Por parte dos familiares agradeceron publicamente “as continuas mostras de afecto e cariño que se levan sucedendo por parte do pobo de Ordes” dende o finamento de Ramiro Recouso. Tamén destacaron o adecuado do emprazamento do busto “por situarse nun dos espazos máis fermosos da vila, dos máis transitados polos seus habitantes e que ademais lea o seu nome”. Un xesto co que unha vez máis se pon de manifesto o aprecio e o recoñecemento á figura de Ramiro Recouso. Tamén houbo intervencións nas que se ensalzou “o comportamento dun político pouco habital, o cal atendía a todas e a todos por igual indistintamente da ideoloxía ou estatus social ao que pertenceran”.

Os aprausos espontáneos sucedéronse ao longo de todo o acto. Tamén cando o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, lembrou “a importancia que Recouso tivo como político, pero sobre todo como home e persoa”, deixando unha onda pegada en todo o pobo. “Un recordo que non se debe perder e que grazas a este busto permanecerá preto de todas e de todos nós” asegurou.

O grupo de gaitas Embruxo de Leira foi o encargado de poñer o son tradicional coas súas gaitas, bombos e tambores. Sobrecolledor foi o instante no que para pechar a homenaxe interpretaron o himno galego e que as persoas asistentes entonaron coas súas voces. Polo menos as que o lograron, xa que moitas delas quedaron entrecortadas pola emoción.