Friday 22 de November de 2024

Os meniños da gardería municipal de Brión celebran a festa do Samaín cuns disfraces de cabazas elaborados por eles mesmos


Medio cento de nenos e nenas da gardería municipal de Brión, os que teñen entre dous e tres anos de idade, celebraron unha Festa de Samaín. Unha festa na que os pequenos participaron disfrazados de cabazas, uns traxes que eles mesmos elaboraron na clase coa axuda dos seus profesores e utilizando elementos de reciclaxe (principalmente papel).

Os pequenos asistiron a un peculiar “conxuro da queimada”, no que unha das profesoras, disfrazada de bruxa, lles fixo recitar unhas divertidas rimas antes de que esa peculiar “queimada” (zume de piña) fose saboreada por todos os presentes, acompañada por outras larpeiradas. A festa rematou cos pequenos bailando e xogando no patio da escola infantil brionesa.