Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente traballa na creación da Rede de reservas da biosfera de Galicia para poñer en valor estes espazos


A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, inaugurou en Oleiros a xornada “Seguimento fenolóxico nas Reservas da biosfera galegas”

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a traballar na creación da Rede de reservas da biosfera de Galicia, mediante a tramitación do proxecto de decreto que crea esta figura e que servirá para poñer en valor estes espazos como elementos que contribúen ao desenvolvemento sustentable é a mellora do benestar da poboación.

Así o salientou a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, durante a inauguración hoxe en Oleiros da xornada “Seguimento fenolóxico nas Reservas da biosfera galegas”, organizada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida).

Segundo destacou a responsable autonómica, as reservas da biosfera constitúen “lugares excepcionais para a investigación, a observación a longo prazo e a sensibilización do público”. Precisamente dentro destes proxectos de investigación, atópase o seguimento fenolóxico, que consiste en observar e estudar como cambian as datas nas que ocorren distintos fenómenos naturais como a migración, a floración ou a aparición de insectos. Neste sentido, o estudo da fenoloxía é un dos principais temas biolóxicos relacionado cos efectos do cambio climático.

De feito, para avanzar nesta liña, actualmente está en marcha un programa de participación ambiental denominado “O seguimento fenolóxico e do estado da biodiversidade nas reservas da biosfera de Galicia”, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Este programa ten como marco as seis reservas da biosfera de Galicia e trata de realizar un seguimento dos cambios ecolóxicos e de comportamento en tres grupos de especies: aves, vexetación e invertebrados. Para realizalo, elíxense especies indicadoras que estean presentes nas seis reservas, ao tempo que se fai partícipe á comunidade escolar.

Reservas da biosfera galegas
As Reservas da biosfera son áreas de ecosistemas terrestres, costeiros ou mariños nos que se promove a investigación, a observación a longo prazo, a educación ambiental e a sensibilización do público e que se inscriben no programa MaB (Home e Biosfera) da UNESCO. Nestes espazos tamén se promove a conservación dos recursos naturais, xunto co desenvolvemento económico e social das comunidade locais.

Polo tanto, as reservas cumpren tres funcións básicas: conservación da biodiversidade e dos ecosistemas; desenvolvemento das poboacións locais; e función loxística de apoio á investigación, á formación e á comunicación.

Galicia conta actualmente con seis reservas da biosfera, das que catro se encontran integramente no territorio da comunidade autónoma (Terras do Miño; Allariz; os Ancares lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; e as Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo); unha comparte territorio con Asturias (Río Eo, Oscos e Terra de Burón); e a última é de carácter transfronteirizo con Portugal (Gêres-Xurés).