Friday 22 de November de 2024

A directora de Promoción de Turismo de Galicia destaca a proxección do turismo industrial


Lembra que na actualidade xa están certificadas coa Q de Calidade Turística 16 adegas galegas dentro deste tipo de turismo

A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, puxo de manifesto as grandes posibilidades coas que conta Galicia para o desenvolvemento de produtos relacionados co turismo industrial durante a celebración do I Congreso de Turismo Industrial Galicia e Norte de Portugal.

Carmen Pita, que participou neste congreso dentro do panel ‘Turismo industrial: unha oportunidade de desenvolvemento económico e social do territorio’, fixo no seu relatorio un repaso polos principais produtos relacionados con esta modalidade turística en Galicia, salientando a proxección dalgúns sectores, entre os que citou a construción naval, a industria conserveira e a produción de viño.

Neste sentido, a directora de Promoción de Turismo de Galicia referiuse ao sector vitivinícola da Comunidade galega que xa achega 16 adegas certificadas coa Q de Calidade Turística dentro da denominación de turismo industrial.

Plan Integral de Turismo de Galicia
Así mesmo, Carmen Pita tamén se referiu na súa intervención ao Plan Integral de Turismo de Galicia, que remata neste ano, e que inclúe distintas accións para promover e apoiar a comercialización deste tipo de turismo.

No marco do dito Plan, a través da súa liña estratéxica centrada na oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos diferenciais, buscando a desestacionalización e os novos públicos, Turismo de Galicia puxo en marcha diversas accións encamiñadas ao desenvolvemento de produtos de turismo industrial e á potenciación e promoción do mesmo como iniciativas dirixidas ao acondicionamento das industrias produtoras e a concienciación e implicación dos empresarios e traballadores nestas, así como, a súa formación relacionada coa interactuación dos visitantes.

Entre estas accións destacan o deseño de itinerarios de turismo industrial, o fomento e adaptación das fábricas para a oferta de actividades de turismo industrial á norma UNE 30 2001 de Turismo industrial, accións formativas para o persoal e para a recuperación do patrimonio industrial, o fomento da incorporación de entidades territoriais que desenvolvan o turismo industrial á Rede Española de Turismo Industrial ou a integración de actividades de turismo industrial ao turismo rural e mariñeiro, entre outras.