Os Encontros da mocidade son unha convocatoria do Concello dentro do programa europeo ECMYNN co obxectivo de implicar a xente nova na elaboración de estratexias relacionadas co emprego, a formación e o lecer. A primeira sesión das dúas que compoñen a iniciativa celebrouse na Casa da Xuventude este luns á tarde coa participación dunha ducia de rapaces e rapazas de dentro e fóra do municipio. Os encontros son “da” mocidade e non “coa” mocidade, xa que o que se busca con eles é que sexa a xente nova quen fale e quen leve o peso da actividade, concibida como un obradoiro cargado de dinámicas grupais. A próxima desenvolverase o sábado pola mañá e a ela confirmaron a súa asistencia unha vintena de persoas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos. Porén, neste segundo encontro aínda hai sitio para máis mozos e mozas, que poden apuntarse enviando un correo a orientacion.laboral@sansadurnino.gal ou chamando ao teléfono 608 201 251.
O obxectivo último dos obradoiros é facer que a mocidade se pronuncie sobre distintos temas que lles preocupan, como pode ser o emprego, a formación, as súas expectativas na vida e, en último caso, como ven o seu futuro e de que maneira debería botarlles un cabo a administración para lograr os seus obxectivos.
Esta actividade forma parte do programa ECMYNN no que participa San Sadurniño xunto con entidades de Polonia, Grecia, Romanía e Italia e, máis en concreto, do estudo de campo que se desenvolve no seo do proxecto de cara a conseguir un manual de boas prácticas que se poida aplicar en toda a UE para mellorar a relación entre a xente nova e as administracións e entre as administracións e a xente nova. De feito, o ECMYNN -acrónimo de Enhancing Competences to Meet Young Neet’s Needs- pretende incrementar a competencia do persoal das administracións públicas e privadas que traballan coa mocidade e en especial do que se ocupa da xente nova que non estuda nin traballa, ben sexa por elección propia ou porque non ten ao seu alcance suficientes posibilidades laborais ou formativas.
No caso de San Sadurniño a maioría dos mozos e mozas que se apuntaron aos encontros están estudando ou andan á procura do seu primeiro emprego e, malia non atoparse -se cadra- dentro do colectivo ninnin, si poden achegar un punto de vista importante e desde dentro do que é “a mocidade”, de cales son as súas expectativas e cales son as demandas e necesidades que unha administración próxima como un Concello podería e debería cubrir.
De acordo con este plantexamento inicial, o Concello de San Sadurniño convocou a mocidade en dous días nos que se lles propón unha actividade participativa que foxe do formato da charla e tira polo do obradoiro informal no que se fomenta primeiro o coñecemento grupal para despois promover un diálogo capitalizado pola voz dos máis novos e novas.
Así, a sesión deste luns pola tarde arrancou cun xogo para que as persoas participantes quedasen cos nomes as unhas das outras, xa que algunhas non se coñecían de antes. A partir de aí empezou unha especie de enquisa cunha batería de preguntas ás que se lle debía dar resposta pisando algunha das tres caras colocadas no chan (semellantes aos símbolos emoji do whatsapp): unha co significado de desacordo, outra co de indiferenza e a terceira para quen estivese de acordo coa pregunta proposta. As cuestións foron moitas e moi variadas: se se seguen as redes sociais do Concello, se se acudiu algunha vez á oficina de orientación laboral, se se coñecen persoas que puideran responder ao prefil de ninnin, se se ve posibilidade de traballar en San Sadurniño, se hai suficiente oferta de actividades no territorio, se se ten coñecemento da existencia dun centro municipal de empresas, se se coñecía de antes que San Sadurniño conta cunha Casa da Mocidade, etc.
Os posicionamentos da xente sobre as caras foron anotándose nunha plantilla que despois se comentou en grupo propiciando que as persoas participantes achegasen puntos de vista máis persoais e precisos sobre as súas expectativas, os seus obxectivos e as demandas que a administración podería axudar a cubrir.
Porén, outro dos obxectivos dos encontros da mocidade é que, ademais de detectar eivas, a poboación nova tamén faga propostas. Neste sentido o Concello pon á súa disposición a Casa da Mocidade como principal punto de encontro da xuventude e lugar de dinamización en ámbitos como a formación ou o lecer. A última parte do encontro deste luns ocupouse precisamente de facer falar á mocidade sobre propostas que lles interesarían -que en boa medida poderían desenvolverse no novo centro- e incluso de ideas empresariais baseadas nas afeccións de cada participante. E houbo unha chea delas e todas elas razoadas: obradoiros de creación literaria e musical, sesións para mellorar habilidades sociais, proxectos que relacionan deporte e turismo, cursos de condución e propostas relacionadas co mundo da automoción, etc.
Achegas todas elas feitas por xente nova que tan só dúas horas antes entraba pola porta sen ter moi claro que ía atopar e se a sesión lles ía servir de algo. Por iso, ao remate, preguntóuselles que lles parecera o encontro e pedíuselles que definisen cunha palabra a súa participación. Todos e todas dixeron que o encontro lles parecera útil e comprometéronse a animar a outra rapazada a que participe na actividade do sábado, para a que xa hai unha vintena de persoas inscritas. Entre as palabras elixidas: “bo rollo”, “organización”, “iniciativa”, “diversión”, “ideas”, “motivación”, e tamén “futuro”.