Friday 22 de November de 2024

Ordes celebra a xornada Emprender en feminino: Un camiño á igualdade


Tivo lugar a xornada Emprende en feminino: un camiño á igualdade, organizada polo Concello de Ordes e a Federación Nacional de Autónomos (ATA), en colaboración coa Mancomunidade de Ordes e o Centro de Información á Muller (CIM). Unha iniciativa formativa e divulgativa na que participaron máis de 30 mulleres de distintos perfís profesionais e chegadas de todos os puntos da comarca. A dita convocatoria está enmarcada dentro do Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades 2014 – 2016, contando co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, ademais de estar adherida á celebración do Día da Muller Rural que se conmemorou o pasado sábado, 15 de outubro.
Ana Soneira, edil de Medio Rural e Medio Ambiente do Concello de Ordes, foi a encargada de clausurar a cita, destacando a importancia que ten levar por diante o rural do noso municipio á hora de emprender unha iniciativa empresarial. Ademais tamén convidou a todas as presentes “a facer uso dos servizos profesionais e de asesoramento laboral que se brindan de balde dende os departamentos correspondentes tanto do Concello como da Mancomunidade de Ordes, por parte das axentes de emprego”.
O principal obxectivo desta iniciativa é o de promover o autoemprego feminino para aquelas mulleres con maior dificultade de acceso ao mercado laboral, e en especial para aquelas residentes nas zonas rurais. Unha medida que contribúa a evitar a emigración dos pobos e aldeas ás cidades. Talleres presenciais, asesoramento e titorización en autoemprego (presencial e en liña), información sobre microfinanciamento para emprendemento e asesoramento sobre viabilidade empresarial para autónomas son algúns dos aspectos que se brindan. Tamén se abordaron puntos relacionados cos plans de empresas; o método Canvas de viabilidade; plans de axudas, subvencións e préstamos financeiros; postas en comúns de casos reais etc.