Thursday 21 de November de 2024

O teatro volve este domingo á Casa da Cultura de San Sadurniño


A Escola de Teatro do Padroado de Cultura de Narón ofreceranos este domingo a partir das 19.00h. unha comedia para toda a familia e cun contido para facernos reflexionar. Titúlase “2021, unha odisea na Terra” e trátase dunha peza de aventuras sobre os problemas causados pola contaminación ambiental. O texto asínao Jose Prieto, un dos escritores máis prolíficos -e premiados- do teatro galego, quen creou a obra para o grupo afeccionado do padroado inspirándose no traballo de educación viaria que desenvolve a policía local de Narón. As entradas estarán á venda o domingo á tarde na Casa da Cultura por un prezo de 5€. As reservas poden facerse chamando ao 616 332 919.

No ano 2021, unha súbita contaminación masiva provocada por ‘Os Outros’, obriga a evacuar a toda a poboación terrestre a Marte. Na terra só quedan catro ‘Escollidos’ cunha clara misión: salvar o planeta. Durante esta importante misión, os ‘Escollidos’ terán que enfrontarse a moitas situación arriscadas e atopar resposta a grandes preguntas: Quen son os ‘Outros’? Quen é esa rapaza que atoparon e que sempre acompaña aos ‘Escollidos’? Quen é a criatura salvaxe que vive entre o lixo do vertedoiro? Por que lado se toma unha rotonda? Estas preguntas e moitas máis quedarán respondidas ao longo desta aventura.

Esta é a sinopse que encabeza o folleto da obra “2021, unha odisea na Terra”, protagonizada por Susana Mauriz, Cristina Balseiro, Isabel Acedo, Xone Sanlópez, Xoán Padín, Lidia Piñeiro, Carmen Caeiro, Maite Gayet, Luis Pillado, Xosé Barreiro, Álex Combarro e Ángel Villar. Un elenco que lle dará vida a personaxes estrambóticos e de moita risa que, en conxunto, pretenden “promover boas prácticas persoais e sociais para o coñecemento e coidado do entorno natural e potenciar, de maneira transversal, a educación nos valores relacionados co bo uso e goce dos espazos urbanos e rurais”.

A obra está cualificada para todos os públicos e dura arredor dunha hora. As entradas poden collerse desde unha hora antes na Casa da Cultura ou ben reservarse no 616 332 919. O prezo é de 5€.

A seguinte obra, o 13 de novembro
O seguinte espectáculo escénico que poderemos ver na Casa da Cultura será o 13 de novembro protagonizado por Fran Rei, Pedro Brandariz e Isa Risco. Tres cómicos excepcionais que se xuntan en “Falar sen cancelas” intercalando monólogos propios, gags, recursos e xogos de improvisación que fan de cada representación unha aventura diferente.

Unha gran “gala de humor e comedia coa palabra como gran protagonista, unida á maxia, ao clown e aos xiros súpetos cos que ninguén conta”, tal e como reza a sinopse desta peza para público adulto que tamén terá as entradas a 5€ e reserva anticipada no mesmo teléfono.

Tanto “2021, unha odisea na Terra” como “Falar sen cancelas” chegan a San Sadurniño coa colaboración da Deputación da Coruña.