A ACCIÓN APROBADA HOXE EN XUNTA DE GOBERNO RECOLLE TAMÉN A AVIALACIÓN E ANÁLISE DO GRAO DE CUMPRIMENTO DO SEGUNDO PLAN POSTO EN MARCHA
O Concello de Riveira deu luz verde no día de hoxe en xunta de goberno local á redacción do terceiro Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes do municipio.
A entidade que se encargará da elaboración do plan será SENES e o importe da acción ascende a un total de 5.539 euros.
O PIOM III (Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes) pretende ser unha proposta adaptada á realidade de Riveira que sirva de marco de referencia para a execución das políticas de igualdade e tratamento integral da violencia de xénero no período 2016-2020.
Entre os fins específicos do documento perséguese realizar un diagnóstico da realidade actual no ámbito da igualdade e prevención e tratamento integral da violencia de xénero; definir e delimitar os eixes tendo como referencia o PIOM II e a súa avaliación; planificar as actuacións no período de vixencia, elaborar un documento final con toda a información ou divulgar entre a poboación este III Plan de Igualde, entre outros.
Catro fases
A proposta adxudicada recolle catro fases. A saber: planificación e toma de contacto do Concello, elaboración (diagnose), divulgación e implementación.
De cara a súa materialización os redactores do plan manterán reunións cos distintos axentes implicados (Concellería de Servizos Social, CIM, etc.) e constituirase unha Comisión Técnica de Igualdade que liderará a posta en práctica do plan e unha Comisión Interdepartamental con representación política e técnica das diferentes áreas municipais co obxecto de avogar pola transversalidade. Así mesmo, impulsaranse charlas e mesas informativas e realizarase cuestionarios co obxecto de detectar os puntos débiles e fortes a nivel municipal.
A intención é poder desenvolver estes traballos nos vindeiros 12 meses, de tal xeito que as tres primeiras fases se leven a cabo entre outubro de 2016 e marzo de 2017, reservando os últimos seis meses para unha adecuada implementación do plan na que a entidade adxudicataria acompañará a posta en práctica do mesmo.
A acción aprobada hoxe tamén recolle a avaliación do PIOM II, analizando o grao de cumprimento das accións desenvolvidas con arreglo a este plan e coñecendo o grao de satisfacción das mulleres atendidas no CIM.