Malasombra Teatro Profesional representará mañá venres 21 de outubro, ás 20.30 horas, no centro social polivalente de Brión a súa obra “Go on”, dirixida a maiores de 13 anos. Trátase dunha comedia de José Luís Prieto, dirixida por Marcos Orsi e que representarán en Brión os actores Xoque Carbajal e Jouse García. A entrada é totalmente libre ata encher aforo, xa que se trata dunha actuación incluída no “Outono Cultural” organizado polo Concello de Brión, en colaboración coa Deputación da Coruña.
Durante 70 minutos os espectadores asistirán a unha viaxe chea de humor por Galicia na que os dous protagonistas, intrépidos astronautas que chegaron ás descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea, van vivindo grandes e divertidas aventuras, dende o temible ataque do despiadado can de palleiro a cantarlle unha saeta á Santa Compaña, pasando por unha entrevista a un porco no “corredor da morte” ou unha guía sobre como conseguir alimento nunha festa gastronómica. Como eles mesmos a definen: unha odisea cómica no espazo galego.