Friday 22 de November de 2024

Seis compañías profesionais e un grupo afeccionado na Mostra de Teatro 2016


Por primeira vez actuará un elenco de fóra de Galicia

Un total de sete compañías teatrais participarán en Riveira na Mostra de Teatro 2016: unha programación que foi presentada hoxe pola concelleira de Cultura Fabiola García, quen explicou que nesta ocasión imos poder disfrutar “dunha escolma das mellores montaxes que se están a representar en todos os escenarios da nosa comunidade e incluso en territorio nacional”.

Seis das compañías teñen carácter profesional e unha é un grupo afeccionado: o da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña de Narón, que será a encargada de abrir o cartel o vindeiro 21 de outubro.

Ademais, por primeira vez na historia da mostra contarase coa participación dunha compañía de fóra de Galicia: a compañía de Cristina Medina, Pez en Raya, cos músicos “Gusanitos de Teruel” na obra A grito pelao, unha combinación de teatro, humor e música en directo. Cristina Medina é unha actriz sobradamente coñecida pola súa participación en series como “La que se avecina”, “Cámera Café” ou “Museo Coconut” entre outras.

Premios Mestre Mateo
Polo demais, haberá outros grupos de teatro que son xa vellos coñecidos dos riveirenses e que interpretarán obras de gran calidade… Algunhas, galardoadas con premios María Casares do Teatro Galego, como é o caso de Ilmaquinario Teatro con Perplexo, cinco premios María Casares 2014, entre eles mellor dirección e mellor espectáculo ou Redrum con Noiteboa co premio María Casares a mellor actriz protagonista, Mela Casal, en 2015. Fabiola García destacou tamén Galileo cun clásico da arte dramático con Cirano; Culturactiva con Falar sen Cancelas onde participan Fran Rei, Pedro Brandariz e Isabel Risco ou o grupo Talía coa súa nova montaxe, Foucellas.

Como é habitual, as funcións levaranse a cabo no Auditorio Municipal e levarase a cabo todos os venres dende o 21 de outubro ao 2 de decembro, ambos os dous incluídos, no horario de costume, ás 21.30 horas. As entradas (dúas por persoa) poderán ser recollidas media hora antes de cada función e son de balde ata encher aforo.

CALENDARIO ACTUACIÓNS e COMPAÑÍAS MOSTRA 2016

FECHA COMPAÑÍA OBRA
21 Outubro SRC A Pombiña de Pedroso-Narón “Quen vai á guerra?”
28 Outubro Teatro Galileo “Cyrano
4 Novembro Talía Teatro “Foucellas”
11 Novembro Ilmaquinario Teatro “Perplexo”
18 Novembro Pez en Raya (Madrid)
Con Cristina Medina “A grito pelao”
25 Novembro Culturactiva “Falar sen Cancelas”
2 Decembro Redrum “Noiteboa”

LUGAR: Auditorio Municipal
HORA: 21,30 h.
ENTRADA: de balde ata encher aforo – recollida media hora antes da función, 2 entradas por persoa que perderán validez á hora do comezo do espectáculo en caso de haber público agardando.