O vindeiro venres será o último día para entregar no Departamento de Educación a documentación requirida. O Concello de Ordes destina 18.000 € para o alumnado de infantil, primaria e secundaria
O vindeiro venres, 21 de outubro, finaliza o prazo de entrega das solicitudes para as axudas para material escolar outorgadas polo Concello de Ordes. Unha convocatoria feita pública no BOP do venres 23 de setembro de 2016, onde se dan conta das bases reguladoras da dita subvención. En total a administración local destina 18.000 euros para as familias máis necesitadas que estean empadroadas e residan no municipio. Tamén é requisito indispensable que o alumnado estea escolarizado no municipio nos cursos de infantil, primaria ou secundaria obrigatoria. O método de pago será mediante un vale que se poderá intercambiar nos establecementos adheridos sitos no concello.
As solicitudes deberán entregarse no Departamento de Educación, situado no primeiro andar do edificio consistorial. Para calquera consulta pódese chamar ao 981680002 (ext. 4) ou ben ampliar a información a través dos seguintes enlaces: www.ordes.gal e http://bit.ly/2cHSkgQ.