Monday 25 de November de 2024

O Concello de Lousame organiza un obradoiro gratuíto de banda deseñada, que terá lugar este 21 e 22 de outubro na Casa da Cultura


Será impartido por Noel Pérez “Novenoel”, deseñador, ilustrador e muralista de Rianxo

O Concello de Lousame organiza un obradoiro gratuíto de banda deseñada, dirixido a mozos e mozas maiores de 12 anos e que terá lugar na Casa da Cultura os días 21 e 22 de outubro. Un obradoiro organizado polo Concello de Lousame, en colaboración coa Deputación da Coruña, o colectivo Vella Escola e o deseñador, ilustrador e muralista Noel Pérez “Novenoel”, que será o encargado de impartir o obradoiro.

Pablo Castiñeira, do colectivo Vella Escola, explica que “o obxectivo deste obradoiro é achegar a banda deseñada a todos os públicos. Ensinarémoslles dende como facer paisaxes ata o proceso do cómic, dende o primeiro trazo ata distribuír as viñetas e compoñer a historia”. Iso si, especifica que “cada un dos participantes expresarase coa súa propia técnica pois non pretendemos que todos fagan o mesmo, seno que cada un sega o seu estilo”.

O obradoiro será impartido por Noel Pérez “Novenoel”, ilustrador que traballa con cores mate e fora das cores primarias, que traballa moito con motivos relacionados coa natureza e que ten realizado numerosas intervencións en zonas rurais tanto con personaxes imaxinarios como con contidos de denuncia social.

Os mozos e mozas que desexen participar neste obradoiro gratuíto de banda deseñada teñen que dirixirse á Casa da Cultura de Lousame, chamar ao 981 82 57 80 ou enviar un correo ao mail: casacultura@concellodelousame.com.