Friday 22 de November de 2024

Villaverde cualifica de “irrespectuoso co noso territorio” o proxecto de Gestora de Residuos del Noroeste e presenta “datos para que a Xunta denegue esa licenza”


A alcaldesa considera que “o informe técnico e a auditoría ambiental externa van ser o suficientemente contundentes para que non se implante esta empresa” en Lousame

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, presentou esta mañá un informe técnico municipal que fundamenta a negativa do Grupo de Goberno ao proxecto de instalación dunha planta de xestión de residuos e vertedoiro no municipio presentado por Gestora de Residuos del Noroeste e cuxo Estudo de Impacto Ambiental se atopa nestes momentos en período de exposición pública. “A nosa negativa non é un capricho, está fundamentada en datos”, explicou Villaverde Pais, quen salientou que o proxecto presentado “ten graves carencias e é irrespectuoso co noso concello, co noso territorio e coa nosa paisaxe”.

Ademais deste informe técnico, o Concello de Lousame encargou unha Auditoría Ambiental pormenorizada que será presentado en próximas datas. “Cremos que os argumentos do informe técnico municipal e da auditoría ambiental van ser o suficientemente contundentes para que non se implante esta empresa en Lousame”, explicou Teresa Villaverde. A alcaldesa indicou que xa mantivo reunións coa Consellería de Medio Ambiente para que se poida incorporar os datos da Auditoría Ambiental. “Sabemos que nos van dar ese prazo e que van analizar estas alegacións”, apuntou.

Soporte técnico

Porén, a alcaldesa lembrou que estamos diante dun procedemento regrado que está en fase de exposición pública polo que “considero que Conservación da Natureza ten moito que dicir aquí e nós temos que darlle os datos precisos para que poida denegar esa licenza. Nós queremos empresas que se instalen en Lousame, pero sempre que sexan respectuosos co noso territorio”.

Neste sentido, Villaverde explicou que “dicir non ao proxecto sen ter información técnica que o soporte non valería de nada nun proceso regrado, hai que fundamentar a nosa negativa. Quizais non sexa o máis rendible, politicamente falando, pero fíxeno porque é o máis responsable”. Así, Teresa Villaverde desglosou os defectos máis graves deste proxecto:

1- Non contempla mananciais de auga que si existen no terreo e só ten en conta o terreo no que se emprazaría a planta, pero non o terreo que o circunda. “Hai unha captación de augas veciñal que din que non existe e que si que está aló”, apunta a alcaldesa, quen lembra que ese regato “é un afluente que vai ao río Vilacoba, e vai á captación na Albariza e desembarca nun Lugar de Interese Comunitario, polo que é grave que non o teñan en conta”.
2- Non existen medidas correctoras no caso de fallo na impermeabilidade dun espazo de 50.000 m2. O proxecto só contempla pozos de control para detectar se hai contaminación pero non inclúe como corrixilo.
3- Non busca o menor impacto na paisaxe, xa que vai aos máximos que permite a tecnoloxía.
4- Ademais de non reflectir captacións de augas sobre o terreo, o proxecto fala dunha rede municipal que non existe.
5- A fosa de saneamento das instalacións está mal dimensionada, xa que está proxectada para 4 persoas, cando na planta haberá 13 traballadores fixos e quendas doutros 11 traballadores.
6- Non hai un estudo sobre a fauna e a flora da zona. “A referencia que hai parece sacada dun catálogo calquera, non dun estudo sobre o terreo”, explicou Teresa Villaverde, quen salientou que o proxecto “está feito con pouca sensibilidade ao territorio”.

Comisión de Seguimento

A alcaldesa de Lousame explicou que este informe xa foi presentado onte luns tanto aos distintos grupos municipais do municipio no marco dunha reunión da Comisión de Seguimento deste tema como aos integrantes da Plataforma contra o novo vertedoiro de residuos industriais en Lousame, que poderán utilizar estes datos para facer as súas propias alegacións ao proxecto. “Seguiremos estudando e profundizando no proxecto e, se atopamos algo máis, volveremos a trasladarllo”, apuntou Villaverde Pais quen salientou que este informe será subido á web municipal e será enviado aos concellos da contorna.

Finalmente, a alcaldesa fixo un chamamento á responsabilidade nas manifestacións e posicionamentos sobre a cuestión xa que “Lousame ten unha planta de residuos sólidos urbanos, xa cumprimos coa xestión de residuos e dela dependen moitas familias”. Ademais, lembrou que o proxecto non só ten que superar este período de exposición pública da Consellería de Medio Ambiente (aberto ata o día 20 de outubro), senón máis informes de organismos e entidades como Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Industria, a Dirección Xeral de Patrimonio, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Federación Ecoloxista Galega ou a Sociedade Galega de Historia Natural.