Thursday 21 de November de 2024

18 persoas participaron en San Sadurniño no obradoiro sobre saúde impartido pola Escola Galega de Saúde para a Cidadanía


O Concello e maila Escola Galega de Saúde para a Cidadanía ofreceron este luns un obradoiro sobre seguridade e prevención de perigos na vida cotiá, enfocado principalmente ás persoas maiores e cunha temática que se ocupou, entre outras cuestións, do uso seguro de medicamentos, da hixiene e os primeiros auxilios. No encontro, ao que asistiron preto dunha vintena de persoas, déronse algunhas claves para coñecer os perigos existentes no noso contorno e outros que poñen en risco a nosa saúde. O obxectivo da sesión foi o de minimizar os erros na toma de medicamentos, evitar accidentes dentro e fóra da casa e lebrar as precaucións que se deben tomar para manter os virus á raia.

Precisamente foi este apartado, o das enfermidades transmisibles, o que ocupou boa parte da tarde, incidindo na importancia de vacinarse contra da gripe ou de manter unha correcta hixiene das mans. Por outra banda, o obradoiro tamén reservou tempo para falar do uso correcto da medicación con consellos sobre o respecto das doses prescritas, a atención aos horarios das tomas e, quizais o máis importante, alertando dos perigos de automedicarse ou de seguir as recomendacións doutras persoas sobre os medicamentos que nos poden ir ben.

O obradoiro impartiuno Paula Sabela Rodríguez, médica especialista en Medicina Preventiva, que tamén se centrou nos accidentes máis comúns a partir de certas idades e na explicación de como proceder no caso de que se produzan.

A iniciativa forma parte da programación da Escola Galega de Saúde para a Cidadanía dependente da Consellería de Sanidade. Este foi o terceiro curso que se desenvolveu en San Sadurniño durante 2016. Anteriormente xa ofrecera unha sesión para tratar o estrés e a ansiedade e outra centrada na música como ferramenta terapéutica.