O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e a oficial da Policía Local Diana Parente presentaron esta mañá a Memoria Anual de Actividades de Educación Viaria do corpo municipal. O balance refírese ao curso 2015-2016, no que a Policía Local chegou a 2.158 persoas a través de accións teóricas e prácticas nos centros escolares, charlas en colexios de educación especial, e outras actividades.
Diana Parente, responsable do programa de Educación Viaria, amosouse moi satisfeita cos resultados “malia a que se foi programando a medida que avanzaba o curso, e non dende setembro como se fará este ano”. A oficial da Policía Local explicou que as actividades están servindo para que “os escolares tomen conciencia nas aulas da importancia de teren comportamentos seguros como peóns, como usuarios de bicicleta e máis adiante como condutores, e para que lles trasladen iso ás súas nais e pais”. Nesa liña, agradeceu “a aposta do Goberno polo Departamento de Educación Viaria”, aposta que se traduce en que, por primeira vez, contará con dous policías locais adscritos de xeito estable, e que estarán coordinados pola propia Diana Parente.
Un programa que vai medrando
A oficial da Policía Local explicou que neste curso o obxectivo “é consolidar as actuacións iniciadas o ano pasado, e ir poñendo en marcha novas iniciativas”. Así, o departamento de Educación Viaria seguirá traballando cos colexios de Compostela, tanto públicos como privados e concertados. A día de hoxe xa confirmaron a súa participación no programa de 24 dos 25 centros do municipio. Tamén se seguirá colaborando cos centros de educación especial e con entidades como Down Compostela.
A maiores, o departamento que coordina Diana Parente prevé organizar charlas para maiores, “porque a partir dos 60 anos aumenta o risco de ser atropelado”; e está en conversas coas autoescolas da cidade para colaborar con elas con actividades que permitan que os futuros condutores sexan conscientes da importancia de respectar as normas de circulación, sobre todo no que ten que ver co consumo de alcol ou outras drogas.
Diana Parente tamén adiantou que, ao longo deste curso, a Policía Local seguirá traballando nun informe sobre os accesos aos colexios de Compostela, para facilitar a adopción de medidas que permitan mellorar a súa seguridade. A oficial salientou que “os accesos escolares adoitan ser lugares con moitos riscos para as nenas e nenos, con moitos vehículos sobre as beirarrúas, coches circulando marcha atrás e nais e pais que andan con moita presa… todo un conxunto de malos exemplos para a rapazada”.
Colecamiños
En canto ao programa Colecamiños, Diana Parente recoñeceu que “a vontade do Goberno e da Policía Local é reforzar estes camiños escolares seguros, pero para iso o máis importante é a implicación das familias, que seguen ofrecendo moitas resistencias”. A coordinadora do Departamento de Educación Viaria sinalou que a experiencia está a ser un éxito nos colexios Pío XII e Raíña Fabiola, e explicou que a día de hoxe estase traballando na implantación do Colecamiños en La Salle e no López Ferreiro, “pero o éxito dependerá da implicación das nais e pais no proxecto”. No curso pasado, 70 rapaces e rapazas participaron no Colecamiños nos colexios Pío XII e Raíña Fabiola.
Balance 2015-2016
Ao longo do curso pasado, a Policía Local levou as súas actividades de Educación Viaria a 20 centros de ensino regular de Compostela, en concreto aos cursos de 4º e 6º de Primaria. Nos módulos teóricos participaron 1.281 nenos e nenas, e 601 fixérono nas actividades prácticas. A Policía Local tamén estivo en catro centros de educación especial, os de ASPAS, López Navalón, A Barcia e Down Compostela, chegando a 206 alumnos e alumnas.
Os módulos teóricos nas aulas centráronse en darlles a coñecer aos rapaces e rapazas os elementos da vía pública e os comportamentos que deben ter os peóns e os usuarios de bicicletas. En canto ao contido práctico, o alumnado de 4º de Primaria participou no Camiño Escolar Seguro, e os de 6º puideron asistir ao parque infantil de tráfico instalado no recinto feiral de Amio.
O Departamento de Educación Viaria da Policía Local tamén organizou charlas para familias enmarcadas na Programación Infantil con Apego; participou nunha xornada divulgativa e de prevención en colaboración coa Sociedade Cooperativa Galega “Salgueiriños de Consumo”, e impulsou un obradoiro de sistemas de retención infantil.
Tamén tivo moito éxito o Road Show celebrado no Auditorio de Galicia, no que os rapaces e rapazas puideron coñecer as experiencias das persoas que habitualmente interveñen en accidentes de tráfico, como policías, bombeiros ou médicos; e tamén a visión de quen ten sufrido algún sinistro.
Direccións rel