Esta actividade gratuíta de animación á lectura inclúe contacontos, xogos, concursos… e terá lugar os segundos e últimos sábados de cada mes
O Club Camaleón arranca este sábado 22 de outubro, ás 12:30 horas, unha nova temporada cunha primeira xuntanza á que están convocados todos os nenos e nenas de entre 5 e 8 anos. Unha actividade gratuíta de animación á lectura organizada polo Concello de Brión na biblioteca municipal e que incluirá contacontos, xogos, concursos e algunha que outra sorpresa. A segunda sesión terá lugar o sábado 12 de novembro, dirixida a nenos e nenas de 3 e 4 anos.
De feito, esta organización en dous grupos de idade é a gran novidade da edición deste ano do Club Camaleón. Así, o primeiro grupo, conformado por nenos e nenas de 3 e 4 anos, se reunirá o segundo sábado de cada mes; e o segundo, con nenos e nenas de entre 5 e 8 anos, será convocado os últimos sábados de cada mes. Unha periodicidade que comezará a aplicarse a partir do mes de decembro e da que estarán informados permanentemente todos os socios do Club a través do correo electrónico dos pais.
Os únicos requisitos para formar parte do Club Camaleón son ter entre 3 e 8 anos, participar na actividade acompañado dun adulto e inscribirse previamente na biblioteca municipal de Brión (981 50 99 69). A participación é totalmente de balde.
As sesións do Club Camaleón teñen unha duración aproximada de 60 minutos e están dirixidas por “Paco Papán”, un camaleón que viaxou por todo o mundo lendo centos de libros e historias para contarllas a todos os socios e socias do club. Durante esa hora de actividade, os pequenos participan en xogos, concursos, contacontos e múltiples actividades tanto cos seus compañeiros como coas súas familias.