Friday 22 de November de 2024

A Asociación Agroecolóxica A Cortiña organiza para este mércores unha charla arredor das posibilidades da uva branca lexítima


O Centro de Formación e Capacitación Agroforestal de Guísamo leva 17 anos estudando o potencial da variedade branca lexítima para a elaboración de viño de calidade. As uvas desta caste, que antano poboaban as ladeiras da ría de Betanzos, estanse recuperando con sistemas de poda e entitorado que consigan sacarlle todo o que poden dar de si en canto a graduación alcólica e matices.O profesor do centro Xosé Antonio Meixide é un dos valedores desta variedade adaptada ás condicións de clima e chan do norte da Coruña e asegura que pode estar ao mesmo nivel enolóxico que a uva albariña ou o a godella. Meixide impartirá unha charla sobre a branca lexítima este mércores ás 18.30h. na Casa da Xuventude de San Sadurniño, organizada pola Asociación Agroecolóxica A Cortiña en colaboración co Concello.

Segundo Meixide, a uva cultivada durante séculos principalmente no curso baixo do Mandeo, reúne unhas condicións idóneas para a produción dun viño con personalidade propia. A caste adáptase ben ao clima atlántico e, se conta con boas condicións de humidade e chan, é capaz de producir viños co toque xusto de acidez, graduación e sabor afroitado.

En Guísamo levan investigado abondo sobre a variedade e chegaron á conclusión de que a branca lexítima gusta de emparrados e auga homoxénea para que, coa axuda necesaria do sol, a relación entre acidez, grao alcólico e gusto atopen o equilibrio axeitado.

Trátase dunha uva de ciclo curto, capaz de estar lista para a vendima na terceira semana de setembro nun ano bo e na cuarta cando non é tan bo. Na CFEA de Guísamo apuntan a que as posibilidades vitivinícolas da branca lexítima son tantas como as doutras castes e doutras zonas, admitindo viños novos para o ano -cando a graduación queda baixa-, viños que mesmo admitirían envellecementos se o nivel de azucre é o ideal e viños doces elaborados con técnicas como a pasificación, o encabezado ou mesmo aproveitando a botrite.

Nos últimos anos e á vista dos resultados obtidos en Guísamo, Xosé Antonio Meixide converteuse nun dos grandes apóstolos da branca lexítima pola súa calidade e polo potencial que ofrece para reactivar arredor dela a actividade vitivinícola no norte da Coruña. Por iso, na charla que ofrecerá este mércores ás 18.30h. na Casa da Xuventude de San Sadurniño, o profesor repasará a morfoloxía e os sistemas de cultivo máis axeitados para esta caste autóctona, ademais de animar -unha vez máis- a que se aposte polas replantacións orientadas á produción de viños de calidade.

Ao remate da charla haberá unha cata de viño elaborado con esta variedade.