As persoas participantes dos obradoiros tradicionais organizados pola Mancomunidade de Ordes tiveron esta fin de semana unha nova cita nos concellos de Ordes e Mesía, onde se impartiron clases de cosmética natural e plantas medicinais respectivamente. Caramelos de xenxibre para a tose, alcohol de romeu, bálsamo cicatrizante, protector labial de laranxa, crema hidratante de caléndula e ata bombas efervescentes de menta e lavanda para o baño, foi o que aprenderon a facer nesta ocasión.
Pendentes por impartir quedan outras tres sesións de cosmética natural, en Cerceda, os días 22 e 29 de outubro, e en Oroso o 19 de novembro. Ordes e Mesía acollerán tamén clases de fiado o 22 e 29 de outubro en ambos os casos; Frades de cestería o 5, 12 e 19 de novembro, e Oroso de plantas medicinais o 12 de novembro.
Un traballo que poderá contemplar toda a poboación do 16 ao 23 de decembro grazas á mostra que acollerá o Museo do Traxe Juanjo Liñares (Ordes). A dita iniciativa conta coa colaboración da Deputación da Coruña para a súa posta en marcha.