Destaca que en xaneiro deste ano se puxo en marcha a rebaixa do Imposto de sucesións e doazóns, co propósito de favorecer as herdanzas empresariais, facilitando a transmisión e evitando que ese transo sexa un motivo de peche
O presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe, durante a apertura do XIX Congreso Nacional da Empresa Familiar Crecimiento con raíces, presidido pola S.M. El-Rei Felipe VI, que Galicia é un territorio fértil para a empresa familiar e garantiu o compromiso da Xunta para seguir afrontando xuntos os retos do futuro.
Nesta liña, lembrou que a Comunidade galega non se limitou a lamentar situacións que puidesen nubrar o horizonte da empresa familiar. “Actuamos”, dixo, destacando que en xaneiro deste ano se puxo en marcha a rebaixa do Imposto de sucesións e doazóns, co propósito de favorecer as herdanzas empresariais, facilitando a transmisión e evitando que ese transo sexa un motivo de peche.
Así mesmo, salientou a posta en marcha da Lei do emprendemento que persigue a simplificación de trámites mediante a transformación da Administración nunha facilitadora de calquera iniciativa emprendedora. E referiuse tamén aos programas para o abaratamento do solo, así como ao impulso da internacionalización da empresa familiar, cun saldo que alcanza xa máis de 3.000 proxectos e cerca de 1.500 novas empresas exportadoras.
Sobre este segundo aspecto subliñou que nos últimos años o número de empresas exportadoras en Galicia se incrementou nun 30 por cento “e hoxe son máis de 6.335 as empresas galegas que están exportando”, abundou.
Consciente de que a continuidade segue sendo un reto, “xa que non todas as empresas familiares superan a terceira xeración”, Feijóo afirmou que ao tratar con familias empresarias de Galicia é fácil sentir que a empresa forma parte da identidade das persoas e que as persoas forman parte da identidade da empresa. Proba disto é que máis do 92% das empresas galegas son familiares; achegan máis do 86 por cento do emprego na Comunidade, cunha produtividade que supera a media española; e o 69% das 100 maiores empresas con sede en Galicia son familiares.
O presidente da Xunta en funcións concluíu expresando o seu desexo de que a continuidade, a estabilidade e a discreción, “principios definitorios das empresas presentes neste congreso”, se apliquen ao conxunto da vida nacional: “Necesitamos continuar un proxecto nacional que foi un éxito rotundo, sen que iso impida realizar as reformas que afiancen a modernización e cohesión do noso país. Precisamos unha estabilidade que nada ten que ver coa inmobilidade. E queremos un sosego que deixe a un lado actitudes grandilocuentes que nada resolven”, aseverou.