Friday 22 de November de 2024

Ángel Carracedo sinala a investigación xenética como piar na loita contra o cancro


O pretixioso oncólogo padriñou a VI Comida Baile Solidaria da AECC Ordes, á que asistiron preto de 400 persoas. Martínez Sanjurjo invitou a todos e todas a participar das actividades deportivas organizadas polo Concello como medida preventiva

A AECC Ordes celebrou no día de hoxe a súa VI Comida Baile Solidaria, á que asistiron preto de 400 persoas de todos os puntos da comarca e incluso doutros lugares da provincia. Nesta ocasión o prestixioso investigador e oncólogo Ángel Carracedo apadriñou este acto no que estivo respaldado, entre outros, pola súa colaboradora e doutora en bioloxía Clara Ruíz, natural de Ordes. Como é habitual tamén se contou coa presenza de Elena Viturro e Marcos Calvo, presidenta provincial da AECC da Coruña e psicólogo da dita asociación.
No seu turno de palabra Ángel Carracedo fixo unha breve explicación sobre como se forman e en que consisten os procesos canceríxenos. Sobre todo destacou “a importancia que hoxe en día ten a investigación xenética, a cal conleva importantes avances nos tratamentos que repercuten directamente na calidade de vida das persoas que padecen a enfermidade”. Pola súa banda o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, insistiu na importancia de “educar en saúde” e “nos hábitos saudables como medida preventiva”, convidando a todas e a todos os asistentes “a que se valgan das posibilidades que se brindan dende o Concello como son as actividades e circuítos deportivos, das que a día de hoxe xa participa o 23% da poboación”. Tamén fixo alusión aos inicios do Dr. Carracedo “como discípulo do ilustre ordense Dr. Luis Concheiro Carro, catedrático de Medicina Legal e coartífice xunto co convidado deste ano de que Santiago sexa unha referencia mundial en oncoloxía”.
Acto relevante
A comida solidaria da AECC Ordes, que este ano tivo lugar no restaourante O Barreiro, é unha das citas sociais e solidarias máis importantes de toda a zona. Dela participan veciños, veciñas e representantes de todos os sectores, asociacións e institucións ordenses. Ademais da maioría dos concelleiros do Goberno local este ano tamén asistiron outros moitos membros da oposición, así como o presidente da Mancomunidade de Ordes e alcalde de Frades, Roberto Rey. Todas e todos eles tiveron a oportunidade ser obsequiados cun dos moitísimos agasallos doados polos comerciantes de Ordes.