Paula Ríos actuará o 18 de outubro na Coruña con temas do seu disco ‘Viento de plata. Jesús Bal y Gay & Rosa García Ascot’, no que recupera a obra desta parella de compositores
A pianista Paula Ríos clausurará o próximo martes 18 de outubro a novena edición do festival de música e patrimonio Espazos Sonoros. A sede da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, na Coruña, será o escenario do concerto que Paula Ríos ofrecerá a partir das 20:00 horas e que terá como protagonista a obra e a figura da esquecida pianista e compositora Rosa García Ascot, alumna de mestres do talle de Falla e Granados, e única muller integrante do Grupo dos Oito, o equivalente musical da Xeración do 27.
O programa deste último espectáculo de Espazos Sonoros 2016 estará dedicado á figura desta singular muller e nel interpretaranse temas de ‘Viento de plata. Jesús Bal y Gay & Rosa García Ascot’, disco gravado recentemente co apoio da Consellería de Cultura e Educación no que Paula Ríos recupera a obra para piano e para canto e piano desta parella na vida e na arte. O traballo leva por título un verso, “Viento de plata”, que o poeta Federico García Lorca escribiu para a súa grande amiga Rosa polo seu aniversario.
Ademais da actuación musical, o concerto –de entrada gratuíta e acceso libre ata completar a capacidade– incluirá unha conversa da xornalista Iolanda Casal con Paula Ríos, para descubrirlle ao público aspectos da figura e do legado desta descoñecida muller que foi Rosa García Ascot, xunto co seu home, o compositor, investigador e activista cultural galego Xesús Bal y Gay.
Vivir o patrimonio a través da música
Promovido pola Secretaría Xeral de Cultura baixo a dirección artística de Belén Bermejo, o festival Espazos Sonoros percorreu desde o pasado 3 de setembro os concellos de Vimianzo, de Ribadavia, de Pedrafita do Cebreiro, de Palas de Rei, de Monterrei, de Lalín, de Baiona e de Bergondo con concertos en espazos de especial valor patrimonial destes municipios, a cargo de recoñecidos grupos e artistas galegos e internacionais.
Ás actuacións de Le Miroir de Musique, Tres Pesos, César Prata & Ariel Ninas, Solo Voces con Adrián Regueiro, La Compagna, La Xácara, Ensemble Gilles Binchois e o Ensemble Rosarum Flores xunto co tenor Wilfried Rogl, sumáronse diversas actividades –visitas guiadas, obradoiros de música antiga e roldas pola paisaxe organística galega– para facer deste festival unha experiencia única arredor do patrimonio cultural.