Friday 22 de November de 2024

José Luis Martínez Sanjurjo e Roberto Rey visitan o obradoiro de emprego Ordes-Frades


Os rexedores de Ordes e Frades, José Luis Martínez Sanjurjo e Roberto Rey, realizaron esta mañá unha visita ao alumnado e profesorado do obradoiro de emprego ‘Ordes-Frades’. As instalacións da estación da Pontraga acolleron esta presentación, na que se destacaron os aspectos máis positivos por levalo a cabo de maneira conxunta. Tanto o alcalde de Ordes como o tamén presidente da Mancomunidade incidiron nas posibilidades que brinda “para a integración entre as persoas asistentes, na achega de novas ideas e tamén de cara ao enriquecemento dos proxectos nos que se vai traballar”. Trátase da segunda vez que este tipo de obradoiros se pon en marcha entre os dous concellos, cumprindo así cunha das preferencias expostas pola Xunta de Galicia para a concesión deste tipo de iniciativas.
As especialidades que se están a desenvolver son as de auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. Acompañándoos tamén estivo Susana García, edil de Traballo do municipio ordense. En total hai que falar de 20 postos (10 por cada especialidade) a ocupar por alumnado-traballadores. O investimento supera os 214.500 €, cofinanciados entre ambas as administracións locais e a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Aproveitamento social
Os representantes institucionais non aforraron en palabras á hora de destacar o alto nivel de preparación do profesorado, e insistiron nos beneficios para a xente da comarca que supoñen os traballos que se están a realizar, e que “permitirán a toda a poboación desfrutar e facer uso de espazos e lugares de carácter público”.
No caso de Ordes as actuacións previstas céntranse no acondicionamento dos locais sociais de Buscás e Santa Cruz de Montaos, así como o seu contorno. Tamén se prevén labores de mantemento e conservación da parcela e o parque infantil situado entre a rúa de Frades e Cerceda, así como no Paseo Ramiro Recouso Liste. No que se refire a Frades o obradoiro suporá o acondicionamento da Escola unitaria do “Cabezo” en Abellá, o mantemento e a conservación da área do local social de Aiazo, e a da presa en Ledoira. Tamén se traballa nas inmediacións do campo de fútbol en Vitre, e noutros espazos como os da piscina municipal en Papucín. Todo isto ata o vindeiro mes de marzo, mes no que finalizará este obradoiro.