O Concello de Cambre cumpre coa Lei de Estabilidade Orzamentaria
Hoxe xoves terá lugar a Comisión Especial de Contas que analiza a Conta Xeral do Concello de Cambre de 2015 e que contén o balance, a conta de resultado económico-patrimonial, o estado de liquidación do Orzamento e a memoria.
A Conta Xeral informada pola Intervención someterase por tanto hoxe ao ditame da Comisión Especial de Contas para a súa análise. Previamente estivo a disposición dos membros da Comisión Especial de Contas a documentación relativa para o seu exame e consulta por un período mínimo de 15 días.
Emitido o informe da Comisión que se reúne hoxe será exposta ao público por prazo de quince días e oito máis durante os cales os interesados poderán presentar reclamacións, reparos ou observacións. Por último, a Conta Xeral someterase ao Pleno para a súa aprobación no mes de novembro.
A Conta Xeral de 2015 pon de manifesto a solvencia financeira do Concello cambrés. O goberno local indica que estas contas representan a xestión e o compromiso coa estabilidade orzamentaria.
En 2015 houbo unhas obrigacións recoñecidas de 14.853.866 euros e uns dereitos recoñecidos de 15.697.744 euros. De feito, o resultado orzamentario obtido no exercicio elévase a 676.049 euros. O gasto por habitante foi de 617 euros e o investimento por habitante foi de 62 euros.
En canto á débeda, o pasivo non corrente reduciuse en 200.000 euros, xa que nestas contas representa 2.604.738 euros, e ao 31 de decembro de 2014 presentouse unha débeda de 2.819.000 euros. Neste apartado, destaca que o endebedamento por habitante sitúase en 178, 61 euros.
En canto aos acredores comerciais o período medio de pago situouse en 65 días, algo que xa no ano 2016 reduciuse practicamente á metade.
En canto á execución do orzamento situouse nun 82%, o que significa que houbo unhas recoñecidas de 14.853.866 euros.