Monday 25 de November de 2024

Últimas entradas para a VI Comida Baile Solidaria da AECC


O acto estará apadriñado polo prestixioso oncólogo e investigador Ángel Carracedo. Estímase que acudirán 400 persoas, entre as que figuran o alcalde de Ordes e o presidente da Mancomunidade, ademais doutros membros destacados da ONG

A AECC Ordes celebrará este vindeiro domingo, 16 de outubro, a súa VI Comida Baile Solidaria. Trátase dunha das citas sociais e solidarias máis concorridas de toda a comarca, na cal participa tanto a veciñanza en xeral como representantes de todos os sectores da sociedade ordense. Como nome propio a destacar este ano asistirá o prestixioso oncólogo e investigador Ángel Carracedo, que estará acompañado da colaboradora e doutora en bioloxía Clara Ruíz, natural de Ordes. Tampouco faltarán membros da corporación municipal, co alcalde José Luis Martínez Sanjurjo á cabeza, así como rexedores e edís da maioría dos concellos da comarca. Tamén ten confirmada a súa presenza o presidente da Mancomunidade de Ordes e alcalde de Frades, Roberto Rey. Elena Viturro, presidenta provincial da AECC da Coruña; Marcos Calvo, psicólogo da dita asociación, serán outras das persoas asistentes.

Ao igual que nestes últimos anos a cita terá lugar no restaurante Barreiro, na parroquia de Leira, ás 14.30 horas. As entradas para poder participar pódense adquirir aínda no mesmo restaurante ou ben no bar Saloon (Ordes) por 30 €. As persoas interesadas deben darse présa xa que tan só quedan á venda arredor de 40 entradas das 400 que en total se puxeron á disposición do público. O ano pasado, edición na que se contou coa presenza da cantange Luz Casal, acadáronse 2.000 € que se destinaron integramente á investigación.

No acto levarase a cabo o habitual sorteo de agasallos doados polos comerciantes de Ordes. Novamente porase á disposición das persoas asistentes un servizo gratuíto de autobuses, que sairá ás 14 horas da Alameda de Ordes, grazas á colaboración de Autos Rogelio.