A obra supera os 35.000 euros de investimento
O Concello de Riveira acordou en xunta de goberno local a adxudicación dunha nova actuación para mellorar a accesibilidade á praia de Río Azor en Palmeira. A obra consiste na dotación dun tramo de 300 metros de beirarrúas a esta vía.
A empresa que resultou adxudicataria no proceso de licitación é Río Sieira, S.L., cunha proposta económica de 36.364,79 euros, IVE incluído. O prazo de execución é de dous meses.
O investimento conta co financiamento da Dirección Xeral de Turismo de Galicia, ao abeiro da Resolución de 19 de febreiro de 2016.
Actualmente, a calzada da zona de actuación contén un pavimento asfáltico e dous carrís de circulación, pero carece de beirarrúas, sendo de terra a área destinada a peóns, coas conseguintes molestias en forma de charcos ou maleza.
Sobreanchos
O obxecto do proxecto técnico elaborado reside en mellorar a seguridade viaria outorgando protagonismo ao tránsito peonil. Así e logo, reordenarase a zona de paso para peóns dotándoa dun tramo de beirarrúa a base de baldosa hidráulica con dimensións de 33×33 centímetros e bordillo prefabricado de formigón de 100x30x15 centímetros. Preténdese acadar un ancho mínimo de 1,50 metros. Ademais, os sobreanchos serán pavimentados nas dúas marxes.
Previo á construción da infraestrutura, realizaranse traballos de desmonte a aporte de material de recheo para alcanzar as rasantes axeitadas nas zonas indicadas.