Os responsables das áreas de Xestión interna e Servizos Sociais, Manolo Varela e Suso Soto, reuníronse esta tarde coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar para presentarlles unha nova ferramenta informática que o Concello ten previsto implantar proximamente de cara a mellorar a eficiencia deste servizo. O sistema de xestión, denominado CIGESAD, permitirá -entre outras funcións- dispor de información en tempo real sobre os tempos de atención domiciliaria, a levanza das incidencias que se poidan producir ou xerar informes personalizados de como se lle está prestando o servizo a cada persoa usuaria.
A introdución da aplicación informática forma parte do plan de modernización da administración local co que se pretende dotar a todos os servizos de sistemas de xestión e planificación que os fagan máis eficientes e, ao mesmo tempo, que o Concello dispoña de información completa sobre o seu funcionamento. Tal e como sinalou o titular da área de Xestión interna, Manolo Varela, “os concellos temos que aproveitar as posibilidades da tecnoloxía para optimizar os servizos que se prestan. O programa que se vai poñer en funcionamento para o SAF axudará a ordenar mellor o departamento e axilizará a obtención de información necesaria para xestionalo”.
Pola súa banda, o edil de Servizos Sociais, Suso Soto, destacou “o aforro de tempo” que vai supoñer a aplicación, posto que moitos datos e informes que nestes momentos se fan á man “agora xeraranse de forma automática e estarán sempre dispoñibles na plataforma para o persoal municipal, sen necesidade de amorear papeis e coa posibilidade de dispor de cartafoles dixitais individualizados para cada persoa usuaria do servizo”.
O CIGESAD é un asistente de xestión que, ademais de informes sobre a atención, tamén ofrece a funcionalidade de xeolocalizar con mapas os domicilios onde se presta o servizo, de maneira que, de ser necesario, se poidan reordenar as rutas diarias das traballadoras do SAF segundo criterios de proximidade. Neste sentido, o aplicativo permite saber as horas de atención en cada casa e mesmo está preparado para que as persoas que dispoñen do servizo ou familiares autorizadas poidan consultar en liña a planificación que ten adxudicada -tarefas, días, horarios, auxiliares, etc.- e as incidencias que puidesen producirse nun período determinado.
O Servizo de Axuda no Fogar de San Sadurniño conta nestes momentos con 18 traballadoras que atenden semanalmente a 45 persoas.
Actualización das listas de contratación
A xuntanza co persoal do servizo cadra coa publicación da lista de solicitudes admitidas para participaren na actualización da lista de agarda para contratacións correspondente ao mes de outubro. Esta lista está aberta durante todo o ano e revísase nos meses de febreiro, xuño e outubro para incorporar novas solicitudes ou para actualizar as puntuacións cos méritos que achegue quen xa forma parte dela.
As instancias de actualización ou de incorporación á lista poden presentarse en calquera momento, aínda que para entrar nos procesos cuadrimestrais será necesario achegalas, como moi tarde, o día 5 dos meses en que se reúne a comisión de avaliación, é dicir, dos meses de febreiro, xuño e outubro.
Unha vez recollidas as peticións de nova incorporación e as de revisión da baremación por tempo traballado ou formación, a comisión seleccionadora -formada por persoal municipal- xuntarase na segunda quincena deses meses e procederá a revisar os méritos alegados e, no caso de solicitudes novas, tamén realizará unha entrevista persoal.
No proceso correspondente a este mes de outubro presentáronse tres solicitudes e todas elas foron aceptadas. O proceso selectivo para entrar formar parte da lista realizarase o venres 21 de outubro a partir das 10.00h.