EN TAN SÓ UN MINUTO A PARTIR DA APERTURA DE INSCRICIÓNS CUBRÍRONSE A METADE DAS 100 PRAZAS HABILITADAS, COMPLETADAS POUCO TEMPO DESPOIS
Esta mesma semana dará comezo a lan party Uxianet 2016 cunha importante novidade sobre as edicións anteriores: a ampliación de tres a catro días de celebración, de tal xeito que se desenvolverá ininterrompidamente dende este xoves 13 ata o domingo 16 e que está consolidada como unha das citas tecnolóxicas máis importantes que se celebran en Galicia xunto coas da Coruña, Silleda e Ourense.
Para explicar as características máis salientables desta actividade falaron hoxe no Consistorio Fabiola García, primeira tenente de alcalde do Concello, que é o organizador; e Gustavo Llovo e Fernando Ferro no nome da asociación Birus que se ocupa dos aspectos técnicos.
Unha vez máis, a Casa da Xuventude será o lugar de celebración da lan party. Abrirá o xoves a partir das 10 da mañá se ben como é habitual se espera que a máis grande parte de participantes acudan a partir da tarde do venres.
En total habilitáronse 100 prazas, ás que hai que sumar outras 20 reservadas para a organización. Do tirón do evento dó conta o feito de que, segundo explicou Fabiola García, en tan só un minuto dende a apertura das inscricións online cubríronse a metade das prazas convocadas e pouco tempo despois completouse o aforo.
Haberá participantes de toda Galicia e tamén de lugares tan afastados como Sevilla, Valencia e as Illas Baleares.
Un xigabyte
Como é habitual, a lan party estará composta de dúas partes diferenciadas. Así, en primeiro lugar haberá a denominada intranet, reservada para os inscritos e os seus equipos informáticos, que poderán compartir arquivos ou xogar en rede nada menos que a un xigabyte de velocidade, ademais de ter a oportunidade de participar nunha serie de parties preparadas pola organización (League of Legends, Heartstone, Trackmania e Counter Strike) e outros minoxogos improvisados sobre a marcha.
Charlas abertas
Pero tamén haberá o denonimado extranet, composto por un abano de conferencias gratuítas e abertas ao público que se desexe achegar. Estas charlas (dúas por sesión) terán lugar todos os días a partir das sete da tarde. O xoves falarase de radiofonía en tempos modernos e de programación; o venres, de gamificación no ensino e de xogos de rol e autorrol; e o sábado, de seguridade informática: un tema que será analizado polo propio Gustavo Llovo e polo avogado especializado Francisco Suárez-Porta Colomer. E polo que se refire ao domingo, se ben aínda está pendente de peche espérase impartir dúas ponencias dedicadas a drons en xeral e a un dron submariño en particular, que está sendo desenvolvido por unha empresa riveirense.