Terá lugar os días 28, 29 e 30 deste mes no Mesón do Vento. No Museo do Traxe desenvolveranse exposicións e conferencias temáticas. O programa inclúe ceas de confraternidade e excursións á Casa Grande de Xanceda
O XV Campionato Galego de Cetraría terá lugar no concello de Ordes os vindeiros días 28, 29 e 30 deste mes.
O programa previsto inclúe para o primeiro día a partir das 19 horas exposicións de aves rapaces no Museo do Traxe. Ás 20 horas ofreceranse dúas conferencias abertas ao público sobre a cría en catividade do falcón peregrino e sobre a cetraría como patrimonio da humanidade, esta última a cargo da presidenta da Asociación de Cetreiros de Galicia, Dolores Abella. De cara ao sábado as probas de altanería arrancarán ás 9 horas coas de baixo voo de azores e harris, así como de pequenas aves. Tamén están previstas visitas guiadas á Casa Grande de Xanceda (posibilidade de merenda por 4,5 € con reserva previa). Xa a partir das 20 horas haberá unha conferencia sobre telemetría, para dar paso unha hora máis tarde á cea de confraternidade (25 €). O último día a xornada volverá arrancar ás 9 horas cos voos dos finalistas, mentres que os de estilo libre están postos para as 15 horas. Xa ás 18 horas procederase coa entrega de trofeos, e ás 18.30 horas coa proclamación dos ‘Cetreiros do Camiño’. Todas estas probas disputaranse no campo de competición que se habilitará na localidade do Mesón do Vento (coordenadas:43º08´24.0”N 8ª22’12.0”W).
Todas aquelas persoas que queiran competir deberán estar en posesión da tarxeta federativa en vigor. As cotas son de 50, 55 e 40 € respectivamente para as probas de altanería, baixo voo e pequenas aves, tendo un desconto de 25, 25 e 10 € para as segundas inscricións (Abanca ES03 2080 5021 5130 4002 2803). Como máximo admitiranse 20 aves por cada categoría. O formulario para apuntarse pódese conseguir a través da Sociedade Galega de Cetraría, ou ben a través do correo electrónico campeonatogalego2016@galegadecetreria.gal. Para calquera consulta pódese chamar aos teléfonos 639179537 ou 618186976.