Friday 22 de November de 2024

O Xoves inaugúrase a exposición de Luis Davila no Museo do Humor de Fene


Corenta e cinco paneis que inclúen perto de 200 tiras cómicas, 30 orixinais e diversas figuras a grande formato, coa popular Dora A Desbrozadora como protagonista, amósanse ata o vindeiro 15 de novembro na sala de exposicións temporais do Museo do Humor de Fene (Avda. de Conces, 20-22, Fene). A mostra, organizada polo Concello de Fene, compleméntase coa proxección no salón de actos da serie completa de tiras cómicas animadas por Davila e emitidas no programa da TVG “A casa da Conexa”. Tamén inclúe un photocall onde os visitantes poderán fotografarse acompañados por Dora e Tucho na “leira de Dora”.

A mostra “O humor do país”, de Luís Davila, inaugúrase este xoves, 13 de outubro, ás 20 horas. No acto, ao que asistirá o alcalde de Fene, Juventino Trigo, Davila realizará un debuxo “ao vivo” sobre un vinilo e asinará exemplares dos seus libros de “O bichero”. Ademais, o humorista gráfico estará acompañado ese día polo actor Carlos Blanco (co que comparte escenario nos espectáculos “Menú de noite” e “Menú do día”) e que tamén realizará unha breve intervención durante a inauguración.

Os amantes da retranca e do humor máis autóctono teñen unha cita no Museo do Humor de Fene ata o vindeiro 15 de novembro. A exposición “O humor do país” recolle unha selección das xeniais viñetas de Davila, organizadas temáticamente: cuchipandas, o tempo, o viño, a morte, deportes, o mar, bicherío, etc. Nela, personaxes como Dora, Tucho, Marselino, Chelo, Sinda ou Palmira, recrean a maneira de ser, de sentir e de vivir dos galegos e das galegas. Ademais amósanse ao redor de trinta orixinais -a lapiz e tinta- e a colección completa de libros de O bichero.

Horario de visitas da exposición: de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas. Domingos e festivos, pechado.