O alcalde en funcións, Eduardo Veiras, lamenta que “unha persoa que aspira a ser alcalde non coñeza nin as competencias do Concello, pois non é a primeira vez que o señor Doval fai acusacións sen asesorarse nin preguntar e que despois resultan ser totalmente infundadas”
O alcalde en funcións de Oroso e concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras, saíu hoxe ao paso das acusacións lanzadas polo voceiro do grupo municipal do PP, Alexander Doval, sobre o mal estado no que se atopan algúns depósitos de auga no municipio e nas que instaba ao Concello a realizar traballos de limpeza e mantemento das instalacións. “Estamos de acordo co señor Doval en que algúns dos depósitos precisan dun maior coidado, pero o nos parece inadmisible é que pretenda que sexa o Concello de Oroso quen gaste os cartos dos seus veciños cando iso é unha competencia da Consellería do Medio Rural”, explica Veiras Rey.
Neste sentido, o alcalde en funcións insiste en que “compartimos o fondo das reclamacións do señor Doval e nos gustaría que empregase esa mesma dureza para reclamarlle o arranxo a quen realmente é responsable da conservación destes depósitos: a Consellería de Medio Rural, casualmente do seu mesmo partido político e que, de acordo coas súas propias palabras, vive afastado dos problemas dos veciños de Oroso”.
Acusacións falsas continuadas
Eduardo Veiras lamenta que “unha persoa que aspira a ser alcalde non coñeza sequera as competencias do Concello, pois non é a primeira vez que o señor Doval fai acusacións contra o Concello a través dos medios de comunicación na busca dun titular, sen asesorarse nin preguntar. Acusacións que despois resultan ser totalmente falsas e infundadas”.
Veiras Rey explica que “o grupo de Goberno está pendente permanentemente dos problemas dos veciños e mesmo puxo en marcha un sistema como Liña Verde para que poidan facernos chegar calquera incidencia que non detectemos. Quen vive afastado do municipio e dos seus veciños é o señor Doval, quen xa leva difundido varias mentiras nos medios de comunicación como cando dixo que as obras da saída da AP-9 non estaban paralizadas ou cando culpou ao Concello de asfaltar unha pista chovendo, cando eran obras que facía unha empresa do polígono para acondicionar a súa parcela”.