Friday 22 de November de 2024

As catro partes implicadas na construción da EDAR de Riveira buscarán nunha reunión a solución máis acaída aos malos olores


O alcalde estivo hoxe con representantes da UTE que fixo a obra

Co fin de atopar a solución máis axeitada aos malos olores producidos nalgúns puntos das conducións da EDAR de Couso, o vindeiro día 18 van celebrar unha reunión a catro bandas todas as partes implicadas na creación desta infraestrutura: é dicir, a UTE que a construíu (Copasa-Passavant), a sociedade adxudicataria (Acuaes), a Xunta como cofinanciadora da mesma; e o Concello como receptor da obra.

Así se fixo saber tras unha primeira xuntanza mantida esta mañá entre o alcalde Manuel Ruiz e representantes da citada UTE Copasa-Passavant, os cales, partindo da certeza de que haberá solución a tenor de problemáticas semellantes producidas noutros lugares de España, explican que agora hai que definir a solución máis acaída ao caso de Riveira.

Precisamente para enfocar correctamente esta cuestión, a unión de empresas vai realizar unha análise en profundidade dunha serie de parámetros como a presenza sulfhídrico (o que motiva os cheiros) e as súas concentracións nos distintos bombeos ata a estación depuradora co fin de concretar os puntos nos que se deberá actuar. A este respecto, representantes da UTE explicaron que o que se pretende non é só erradicar a problemática atopada senón aplicar un modelo preventivo que evite outras posibles incidencias no futuro.

Así mesmo, Manuel Ruiz destacou que para abordar a cuestión o Concello está contando en todo momento coa colaboración de Eptisa, a entidade encargada tanto da redacción do proxecto da EDAR como do Plan de Saneamento Local.