A horta de conservación de variedades de froita do país situada na Cortiña deu este ano bisesto unha boa colleita. Non tanto coma en anos anteriores, pero suficiente en cantidade e calidade para exhibir en numerosas feiras e eventos o potencial fructícola autóctono. A AGFA do Eume -entidade que ten conveniado co Concello o mantemento da leira- participou esta fin de semana na Feira do queixo e o mel de Goente con 25 lotes de mazás. Alí, ademais de expoñer a variedade coa que conta a comarca, a entidade continuou coa súa campaña de recollida de sinaturas a prol da preservación e promoción das castes propias.
A feira celebrada en Goente non foi o único encontro relacionado co agro ao que se levou a produción da Cortiña. Desde a Feira Rural de finais de agosto -cando empezaron a recollerse as primeiras peras e mazás- a AGFA acudiu ao Festival da Luz en Boimorto, á Festa da Sidra en Fene e á das Peras en Pontedeume e, en datas próximas, tamén asistirá á Feira de fungos e cogumelos das Pontes e á Festa da Mazá de Ortigueira.
Ir a todos estes eventos ten unha triple función: mostrar a riqueza fructícola da comarca, poñela en valor como un elemento máis de desenvolvemento económico no rural e, ademais, continuar reivindicando a preservación das variedades do país ante un posicionamento normativo da Unión Europea que, segundo parece, avogaría máis polas producións estandarizadas que queren as grandes distribuidoras que pola diversidade e o estudo da riqueza vexetal de cada zona.
A diferenza da vide, onde as denominacións de orixe e outros mecanismos de protección xeográfica foron fundamentais para o rexurdimento arredor do viño de moitas comarcas, no caso da froita de mesa a normativa europea vai na liña de que só se poidan comercializar especies rexistradas e certificadas, obviando casos coma o galego onde existen centos de castes de mazá e doutros froitos pendentes de investigar e que se conservaron ata hoxe gracias á cultura agrícola tradicional. A postura normativa da UE aféctalle tamén á produción de planta, prohibíndolles aos viveiros -grandes e pequenos- a venda de pés que non estean caracterizados e catalogados. E para iso fai falla investigación previa que a AGFA demanda da Xunta e do Estado.
Neste sentido, a AGFA do Eume elaborou un manifesto a prol da conservación da froita autóctona no que se denuncia “a presión dos laboratorios e das grandes empresas de distribución” e “a lexislación promovida pola Unión Europea e polos Estados membros” que, tal e como alerta a entidade, estarían poñendo “moitos atrancos” á fruticultura tradicional e ás variedades autóctonas, tamén chamadas “de conservación”.
A AGFA lembra que o novo plan estatal relativo á certificación de plantas en viveiro “incide no control da identidade das froiteiras que se comercializan, co propósito de prohibir a comercialización daquelas variedades que non sexan previamente controladas, identificadas e incluídas no Rexistro estatal de variedades comerciais”, ao tempo que critica a normativa europea por estar “pensada para regular a creación de novas variedades comerciais por parte dos laboratorios dos grandes grupos multinacionais esquecendo a protección das variedades xa existentes, logradas grazas ao traballo anónimo, durante centos de anos, de milleiros de labregos e labregas”.
Por último, o manifesto impulsado pola AGFA do Eume -que leva aparellada unha campaña de recollida de sinaturas- reivindica un maior compromiso institucional coa caracterización e rexistro das castes do país “algo que leva tempo e bastante traballo técnico” e que, de non facerse, “deixaría fóra do mercado de plantas de viveiro, e polo tanto non se poderán expandir nin se poderán crear explotacións froiteiras con estas variedades tradicionais”.
Charla sobre o futuro da produción de froita autóctona
Ao respecto da nova normativa estatal e europea sobre a froita, a Asociación Veciñal “O Castelo de Narahío” organizou para o venres 28 de outubro ás 20.00h. unha charla impartida polo viveirista e enxeñeiro Ramiro Martínez, quen tamén forma parte da AGFA do Eume.
A sesión desenvolverase no local social da entidade e estará enmarcada nos denominados “Foros da Veiga”, onde se propoñen para debate distintos temas contando sempre coa presenza dunha persoa experta. A charla de Martínez afondará sobre a realidade da comarca en canto a potencial fructícola e sobre as demandas da AGFA no tocante a medidas de conservación das castes tradicionais.