Na súa intervención, sinalou que o actual sistema non resulta axeitado para Galicia e que pedirá que o novo adopte os criterios de dispersión e avellentamento
O conselleiro de Facenda en funcións, Valeriano Martínez, defendeu hoxe que no momento en que se revise o actual sistema de financiamento autonómico, Galicia pedirá que este recolla criterios obxectivos sobre o custo real da prestación dos servizos públicos, advertindo que se trata dun asunto esencial e que non se pode caer “en erros pasados”.
Na inauguración esta mañá en Santiago da xornada Propostas para un novo sistema de financiamento das Comunidades Autónomas, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea), Valeriano Martínez sinalou que o Goberno galego “sempre defendeu” que o actual modelo de financiamento autonómico “non resulta axeitado para Galicia” e citou dúas razóns.
En primeiro lugar, explicou que o sistema vixente carece dun mapa de servizos que cuantifique con claridade os custos efectivos de prestación dos mesmos en cada territorio. De feito, e para dar un dato da magnitude do déficit que ten Galicia, só para a prestación sanitaria a autonomía necesita “máis de 500 millóns de euros adicionais” cada ano, afirmou.
Como segunda razón, sinalou que o actual modelo tampouco recolle debidamente ponderadas circunstancias excepcionais que ten a Comunidade galega, como a gran dispersión e o elevado avellentamento da súa poboación.
Exemplos
Un dos exemplos máis claros da situación é o do custo do transporte escolar na autonomía, catro veces máis elevado que a media estatal, con ata 4.277 euros por alumno. E tamén é significativo que un facultativo de atención primaria en Galicia atenda a unha media de 14 entidades singulares, cifra que en España se reduce a dúas.
Respecto ao avellentamento da poboación, Valeriano Martínez lembrou que en Galicia os maiores de 65 anos superan xa o 24% do total, cinco puntos máis que a media actual, mentres que a previsión no conxunto de España é chegar ao 22% no ano 2023.
Posto que existe esa insuficiente valoración da variable dispersión e un escaso peso da poboación protexida polo factor avellentamento, manifestou o conselleiro que o Goberno galego pide introducir máis tramos de idade a partir dos 65 anos. Neste sentido, dixo que non é o mesmo o custo en servizos sociais e sanidade dunha persoa de 65 anos, de 85 ou de 95 anos, para engadir que en Galicia hai “case 110.000 persoas de 85 ou máis anos de idade”.
Consenso
A posición defendida dixo que “non pretendemos que sexa do Goberno”, senón de toda Galicia, xa que en temas como este, e tal como se fixo en lexislaturas anteriores, “buscaremos o consenso co resto dos grupos parlamentarios para ter unha única voz”, afirmou.
Ademais, na proposta dun sistema de financiamento baseado nos criterios obxectivos descritos, explicou que a Xunta pretende ir da man doutras comunidades autónomas, que tamén se ven xa afectadas, pola circunstancia de ter cada vez máis poboación en idades avanzadas.