Saturday 23 de November de 2024

Máis de 8.500 familias contan coas axudas da Tarxeta Benvida, que incorporará máis beneficios aparte dos 100 euros mensuais durante o primeiro ano de vida do bebé


Afirma que a axuda é compatible coas demais que contempla o Plan de Apoio á Natalidade

O presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que 8.563 familias contan xa coas axudas da Tarxeta Benvida, de 100 euros ao mes durante o primeiro ano de vida do bebé para adquirir produtos básicos como leite, alimentos infantís, cueiros e outros produtos de hixiene ou medicinas.

En total, presentáronse 10.438 solicitudes de axuda, das cales se informatizaron 10.089. Destas, 9.705 son favorables, o que supón unha porcentaxe de concesión do 96%. Así, aparte das 8.563 familias que xa dispoñen da Tarxeta Benvida, hai 1.142 máis á espera de achegar máis documentación ou dalgún trámite administrativo.

Segundo subliñou Feijóo, o Goberno galego está a traballar para que a Tarxeta Benvida non sexa só unha axuda de 1.200 euros, senón que supoña máis beneficios para as familias que a teñen. O presidente en funcións destacou que o Goberno galego está a traballar para que cada vez máis establecementos ofrezan descontos, ofertas ou obsequios só presentando a Tarxeta Benvida. Varias empresas amosaron xa o seu interese en adherirse a este programa, como é o caso dunha importante cadea de supermercados que asinou un acordo segundo o cal as familias que compren nos seus establecementos dispoñerán dun desconto directo do 3%.

Esta axuda é compatible coas demais que contempla o Plan de Apoio á Natalidade, que son as deducións fiscais por nacemento ou adopción de fillos, as prestacións por fillo menor de 3 anos ao cargo e a exención de pago nas escolas infantís para familias que teñan xa outro fillo no mesmo centro.