O obxectivo desta actuación é converter ás empresas deste sector en organizacións realmente concienciadas coa Responsabilidade Social Empresarial
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, inaugurou hoxe en Santiago a xornada RSE en entidades de Economía Social organizada pola Xunta para impulsar e difundir as vantaxes da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) entre o sector da Economía Social. O evento, que forma parte do proxecto de difusión e formación en materia de RSE que está a levar a cabo a Xunta, reuniu a expertos nesta materia e representantes de empresas galegas que xa están a introducir nos seus modelos de negocio as boas prácticas nas que se centra a RSE.
Toca salientou o impulso que está a levar a cabo o Goberno galego en materia de RSE salientando que os valores que representan a Economía Social, como son a xustiza, equidade ou integración social, son tamén a base do modelo de xestión empresarial da responsabilidade social. Indicou, así mesmo, que cada vez son máis os sectores da sociedade que demandan que as empresas ou as entidades de Economía Social actúen dun xeito responsable co medio ambiente sendo xustas e promulgando a equidade social animando, deste xeito, ás empresas de Economía Social a introducir este modelo de negocio na súa xestión.
“Galicia está a ser protagonista dun crecemento no que a responsabilidade social corporativa e ética se refire”, subliñou. Toca resaltou, ademais, que tanto as entidades de Economía Social como en xeral as pemes en Galicia están a buscar que as súas accións se produzan máis alá das súas obrigas legais con fin de acadar un equilibrio entre o crecemento económico, o benestar social e o aproveitamento dos recursos naturais e o medio ambiente.
Con respecto ao impulso que a Xunta está a levar a cabo para promover o sector do cooperativismo e a Economía Social, a secretaria xeral de Emprego puxo en valor a Rede Eusumo, creada polo Goberno galego para fomentar este tipo de empresas. A día de hoxe esta iniciativa conta con 72 entidades adheridas, como son entidades locais, asociacións de empresas, universidades ou fundacións que contan con 14 viveiros de empresa.
A través desta Rede, a Xunta pon a disposición das cooperativas os medios necesarios para apoiar o emprendemento entre os que destacan as instalacións para albergar o inicio de proxectos empresariais, ao tempo que se impulsa este modelo no ámbito local a través de accións de formación, divulgación e asesoramento para o autoemprego cooperativo.
Entre as vantaxes de pertencer á Rede Eusumo resaltan, ademais, os beneficios propios dunha colaboración en rede, compartindo esforzos e resultados con outras entidades con intereses similares, e a utilización dos diferentes centros da Rede.
Por último, Toca animou ás empresas de Economía Social a seguir traballando para acadar “unha Galicia de progreso económico, sustentable e respectuosa co medio ambiente e de benestar social”.
Un punto de encontro
RSE en entidades de Economía Social converteuse hoxe nun punto de encontro para comprender as vantaxes que a RSE pode aportar ás organizacións de Economía Social e para coñecer prácticas de sustentabilidade que xa están a realizar este tipo de entidades en Galicia. A xornada comezou coa conferencia A xestión da RSE nunha entidade de Economía Social, que correu a cargo do director da Adega Martín Códax, Juan Vázquez. Posteriormente tivo lugar unha mesa redonda de boas prácticas na que entidades como Metal Ferrol SAL, Fundación Ronsel ou Trameve compartiron cos asistentes as súas iniciativas de éxito en materia de RSE.
O evento contou, ademais, cun espazo de debate especializado onde participaron José Montes, presidente de Feiraco; Rosa Gutiérrez, directora de RSE de Galega de Economía Social; e Carmen José López, presidenta de AJE Galicia e investigadora do Centro de Estudos Cooperativos. Todos eles achegaron aos asistentes as súas opinións expertas sobre as oportunidades que a RSE lle ofrece ás entidades de Economía Social.
Na xornada presentouse o Manual de RSE en entidades de Economía Social elaborado pola Xunta, que ten como obxectivo facilitar a comprensión dos principais estándares e referencias en materia de RSE, axudando á posta en marcha de actuacións responsables e estratexicamente competitivas por parte das entidades que conforman o sector da Economía Social en Galicia.