No marco deste plan aplicaranse medidas dirixidas a multiplicar o emprego e a formación a bordo, a reactivación de instalacións de produción de semente de bivalvos e tamén e tamén accións que melloren a comercialización dos produtos das nosas rías
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, inaugurou no Grove o XIX Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas. Alí reiterou a aposta da Consellería do Mar pola frota de baixura e lembrou que este colectivo terá un acceso preferente a 158 millóns de euros no marco do Plan de acción de desenvolvemento e sustentabilidade da pesca costeira artesanal de Galicia.
Neste sentido, subliñou que no marco deste plan aplicaranse medidas dirixidas a multiplicar o emprego e a formación a bordo, a reactivación de instalacións de produción de semente de bivalvos e tamén accións que melloren a comercialización dos produtos das nosas rías. A isto engadiu que o plan reforzará a comercialización dos produtos do marisqueo e dos recursos específicos, con especial atención a especies como o ourizo, o percebe ou a navalla, “para que os profesionais do mar poidan incrementar os seus ingresos”.
Ademais na mellora da comercialización dos produtos da pesca artesanal, Juan Maneiro, sinalou que “será crucial a diferenciación dos nosos produtos coa marca de calidade pescadeRías”.
En relación ao ámbito da acuicultura o director xeral, lembrou que “Galicia é a primeira rexión comunitaria en produción e que a Unión Europea recoñeceu publicamente que contamos coa mellor planificación desta actividade, perfectamente compatible coa conservación do medio e o aproveitamento pesqueiro e marisqueiro”.
Neste eido destacou a importancia do cultivo de mexillón. De aí, sinalou, a posta en marcha do borrador do Plan de modernización e sustentabilidade das estruturas de cultivo de moluscos bivalvos de Galicia. Un texto “que agarda as valoracións e melloras que o sector poida aportar para alcanzar o dobre obxectivo de lograr una produción de mexillón sustentable no tempo e de maior calidade, e utilizar elementos tradicionais para a construción das bateas”.
A través deste proxecto, lembrou, poderanse destinar 30 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca ata 2020, para que os titulares de 2000 bateas que o desexen poidan voluntariamente ampliar as superficies destas estruturas mantendo o número e a lonxitude das cordas, pero facilitando unha mellor circulación da auga entre elas. Deste xeito, subliñou, Juan Maneiro, “mellorará a alimentación do molusco e, por tanto, incrementarase a produción”. A isto engadiu que o plan pretende ademais a dinamización de sectores como os da madeira, a construción naval e a construción de bateas, así como do sector de xestión de residuos.
Por outra banda Juan Maneiro destacou a importancia do Foro de Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas para o do intercambio de impresións e da transferencia de coñecementos entre investigadores, empresarios, profesionais e técnicos da administración vencellados ao sector produtivo no mar. Así amosou o seu convencemento de que deste foro sairán conclusións “que contribuirán a fortalecer o sector da pesca, do marisqueo e da acuicultura”.