Friday 22 de November de 2024

Cayetano Lledó representa a obra de teatro e maxia “Sherlock Holmes” mañá venres no centro social polivalente de Brión


O centro social polivalente de Brión acollerá mañá venres 7 de outubro, ás 18:00 horas, a representación de “Sherlock Holmes”, unha obra de teatro e maxia de Cayetano Lledó. Dirixida a un público familiar, o famoso detective creado por Arthur Conan Doyle tratará de resolver un dos seus casos coa axuda do público brionés. A asistencia é totalmente libre e de balde.

Con esta actuación, o Concello de Brión porá en marcha o seu “Outono Cultural”, que ofrecerá aos veciños e veciñas un total de quince actuacións teatrais e musicais totalmente de balde durante os meses de outubro, novembro e decembro. Así, en Brión compartirán escenario compañías consolidades como Teatro do Morcego, Malasombra, Baobab Teatro, Cándido Pazó ou Chévere Teatro; e outras compañías de teatro afeccionado como Andaravía Teatro, Airiños ou Andaina Mental. As súas actuacións serán nas tardes dos venres, no centro social polivalente.

Ademais, o “Outono Cultural” traerá a Brión espectáculos musicais como o Festival de Outono (28 de outubro), da man do alumnado da Escola de Música Magariños, e o Concerto de Santa Cecía (26 de novembro), coa banda de música municipal de Brión. Completan o programa un dos eventos máis concorridos de cada ano: o Magosto, que este ano terá lugar na Carballeira de Santa Minia o 25 de novembro; unha sesión de contactontos a cargo de Caxoto Contacontos (24 de outubro, ás 18:00 horas, na biblioteca municipal) e a proxección dos curtos do Festival Corto España (2 de decembro, ás 20:00 horas, na casa da cultura).

O “Outono Cultural” está organizado polo Concello de Brión e conta coa colaboración da Rede Cultural 2016 da Deputación da Coruña e dos programas Ler Conta Moito e FalaRedes da Xunta de Galicia.