Friday 22 de November de 2024

Nace a campaña #TeñoMonte, premio do Concurso de Publicidade Comercial en Galego


A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou acompañada do director de E-Monte Solucións Forestais, Víctor Rivas, e da directora da compañía de marketing Esgalla, Natalia Martínez, o proxecto #TeñoMonte que recibiu un dos premios da IV edición do Concurso de Publicidade Comercial en Galego.

Marta Lois destacou que “para nós como Concello é moi gratificante ver que os nosos comercios apostan pola creatividade en galego para potenciar os seus negocios”. A campaña é desenvolvida dende a plataforma eMonte.es, que ata finais de novembro levará a cabo tres eventos nas rúas de Compostela e dous concursos a través das redes sociais.

O obxectivo da campaña é, por un lado, dar a coñecer eMonte.es, a primeira plataforma de compra/venda de madeira entre propietarios e propietarias forestais e empresas e, por outro, recuperar os nomes tradicionais do monte galego coa colaboración das persoas que teñen monte en propiedade e da propia veciñanza da cidade.

Primeira cita, este sábado
O 8 de outubro, entre as 10:00 e as 13:00 horas, na Praza de Abastos, instalarase un photocall ao carón da fonte no que as persoas interesadas poderán participar escribindo nun encerado o nome da súa parcela de monte. As 75 primeiras persoas que se fagan unha foto co nome do seu monte levarán de agasallo un pequeno carballo, a árbore máis representativa do monte galego, procedente de Viveiros Salgado (Beán, Ordes). En caso de choiva trasladarase o photocall a unha das zonas cubertas do Mercado, preto da igrexa de San Fiz.

As outras dúas citas de #TeñoMonte coa veciñanza compostelá serán os días 21 de outubro e 4 de novembro en distintas localizacións, para facilitar deste xeito a participación das persoas que viven noutros barrios e zonas de Compostela. Todos os propietarios forestais que enchan un formulario cos seus datos durante algún dos tres eventos na rúa entrarán automaticamente no sorteo dunha noite para dúas persoas nos aloxamentos de Do Artesanato, nas Cabanas do Barranco ou nas Cabañitas del Bosque.

Alén do photocall na rúa, esta campaña quere achegarse tamén a un público máis novo e urbano que está máis afeito a utilizar as redes sociais e as ferramentas online, como é propia plataforma eMonte.es. O primeiro sorteo está pensado como unha versión dixital do photocall, na que os participantes terán que responder tamén, a través do Facebook, como se chama o seu monte e onde está.

A segunda acción online consistirá nun concurso de textos breves, tamén vía Facebook. Para participar haberá que contar unha anécdota sobre o monte: algo que nos pasou persoalmente, unha historia que escoitamos sobre ese monte, recordos de como era antes, etc. O público decidirá cos seus votos cales son as mellores historias.

Cada unha das persoas gañadoras dos concursos online recibirá como premio unha noite para dúas persoas nas Cabanas do Barranco ou nas Cabañitas del Bosque.

Sobre eMonte.es
eMonte.es é a primeira plataforma online de compra e venda de madeira de Galicia. A través dun sinxelo proceso, os propietarios poden vender a madeira do seu monte coa máxima comodidade, sen preocuparse de ter que buscar potenciais compradores ou perder tempo no desprazamento ao seu monte. Isto é posible grazas á aplicación de eMonte.es, que lle permite ás empresas coñecer os lotes sen necesidade da presenza do propietario.