JUAN SEBASTIÁN VERA & DUETO ÁNIMOS (COLOMBIA) ACTUARÁN ESTE VENRES ÁS 20 HORAS
Composicións de Astor Piazzola, Fredy Mercury, Antonio Lauro ou Carlos Vieco soarán este venres na Casa da Cultura de Fene no concerto de Juan Sebastián Vera & Dueto Ánimos (Colombia). A actuación, prevista para as oito do serán, encádrase no Encontro Internacional de Pulso e Púa 2016 que organiza a asociación cultural Pórtico das Artes coa colaboración da Deputación da Coruña, Concello de Fene e outros quince concellos da provincia. Entrada libre ata completar aforo.
Virtuoso da bándola solista, o músico Juan Sebastián Vera participa habitualmente en producións discograficas e encontros internacionais deste instrumento. Tamén pertenceu a diversas formacións coas que sempre conseguiu importantes premios, dentro e fóra da súa terra. Compositor e docente, na actualidade, é tamén director da Estudiantina de Chía.
Sobre Juan Sebastián Vera: “A súa formación tanto no medio popular como no académico transmite esencia e emoción e logra, ao mesmo tempo, descubrir cada son e cada frase nunha linguaxe única, baseada na capacidade de expresar emocións co instrumento. A súa procura de timbres, efectos e cores potencia as calidades da obra, cun estilo propio e autónomo; realiza adaptacións e composicións propias, polo que consegue levar a cabo repertorio novo para este instrumento. Co seu traballo de grao “Bandolarium 4 obras para bándola soa”, achega a interpretación deste instrumento a técnicas novas”.
O dúo Ánimos está formado polo virtuoso da bándola Juan Sebastián Vera e polo tamén músico Luís Fernando que o acompaña coa guitarra clásica. Ambos os dous artistas son orixinarios de Chía (Colombia).