O Concello e maila Escola Galega de Saúde para a Cidadanía organizaron para o próximo 17 de outubro un obradoiro sobre seguridade e prevención de perigos na vida diaria enfocado principalmente ás persoas maiores -aínda que está aberto a calquera que queira asistir- e cunha temática que se ocupará, entre outras cuestións, do uso seguro de medicamentos, a hixiene e os primeiros auxilios. Malia que nun principio se dera ata este luns para apuntarse na actividade, o departamento de Servizos sociais e Igualdade decidiu ampliar o prazo ata o venres 7. Cómpre chamar ao Concello (981 490 027 ext. 1) ou inscribirse a través da web da EGSC.
Neste obradoiro daranse as claves para coñecer os perigos existentes no noso contorno e outros que poñen en risco a nosa saúde. O obxectivo da sesión é minimizar os erros na toma de medicamentos e evitar accidentes dentro e fóra da casa, máis habituais a idades avanzadas.
Os contidos que se tratarán son a prevención das enfermidades transmisibles, incidindo na importancia de vacinarse contra da gripe ou de manter unha correcta hixiene das mans. Por outra banda, o obradoiro tamén reserva un apartado para falar do uso correcto da medicación con consellos sobre o respecto das doses prescritas, a atención aos horarios das tomas e, moi importante, fuxir da automedicación ou dos consellos doutras persoas que recomenden tal ou cal medicina co habitual “a min fóicheme moi ben”.
O obradoiro impartirao Paula Sabela Rodríguez, médica especialista en Medicina Preventiva, que tamén abordará os accidentes máis comúns a partir de certas idades e explicará como proceder no caso de que se produzan.
A iniciativa forma parte da programación da Escola Galega de Saúde para a Cidadanía da Consellería de Sanidade. As inscricións cómpre facelas o venres como moi tarde nos Servizos Sociais do Concello, chamando ao teléfono 981490027 ext. 1, ou na páxina web www.escolasaude.sergas.es accedendo a través do apartado de cursos presenciais.
Este será o terceiro curso que durante 2016 impartirá en San Sadurniño a EGSC. Anteriormente xa se ofreceron accións para tratar o estrés e a ansiedade e sobre musicoterapia.