Celebrarase o vindeiro 9 de setembro dende as nove da noite
O vindeiro 9 de setembro a iniciativa da asociación Agadea vai ter lugar no noso concello unha actividade pioneira denominada Primeira Andaina Solidaria co Alzheimer: unha acción que nace co fin principal de que a sociedade visualice esta doenza e que terá lugar a partir das nove da noite con saída dende a área recreativa do Vilar.
A presidenta da asociación Agadea, Isabel Gey; a directora do Centro de Alzheimer de Riveira, Noelia Riaño; Eduardo Iglesias da asociación Arousa Neo como deseñador técnico do percorrido; e o concelleiro de Deportes Anxo Orellán, efectuaron esta mañá algunhas consideracións ante unha actividade que se enmarca dentro do programa “Marcándolle o Paso ao Alzheimer”..
A este respecto, Isabel Gey salientou a necesidade de que a comunidade barbanzá sexa consciente das problemáticas asociadas a unha doenza que conta en Galicia con entre 60.000 e 70.000 diagnosticados e no labor de prevención e o papel de familias e coidadores.
Inscricións
Noelia Riaño explicou que serán un total de 10 kilómetros de percorrido cunha dificultade medio-baixa e que cómpre levar iluminación ao ser unha andaina que se desenvolverá “entre lusco e fusco”. Así mesmo informou de que a inscrición son 2 euros (xa hai 100 apuntados) que se poden formalizar tanto na páxina web www.agadea.org como no propio centro de día riveirense. Cómpre levar iluminación.
Pola súa parte, Eduardo Iglesias manifestou que o percorrido está adaptado ao horario e as características da cita, cos 6 primeiros kilómetros por un terreo chan. Entre outros puntos visitaranse os muíños de Amendo e o miradoiro de Pedra da Ra. Haberá monitores tanto abrindo como pechando a andaina.
O concelleiro Anxo Orellán esgrimiu que non hai escusas para non asistir a un circuíto pensado para todas as idades e que ten un obxectivo tan loable como o de concienciar á xente sobre o alzheimer.