Friday 22 de November de 2024

Turismo de Galicia continúa coa súa aposta pola promoción internacional coa participación en catro feiras en setembro


Durante o vindeiro mes esta entidade da Xunta, levará o destino Galicia a tres certames internacionais e a 1 nacional

A Xunta continúa neste mes de setembro co seu calendario de feiras turísticas destinadas á promoción global do destino Galicia, de xeito que ao longo do vindeiros días Turismo de Galicia participará en catro certames sectoriais.

Por segundo ano, Turismo de Galicia reforzará a promoción do cicloturismo e a práctica da bicicleta todo terreo no certame Unibike de Madrid, os días 23, 24 e 25 deste mes. Nesta feira, por unha parte, darase a coñecer a oferta galega ao público en xeral e, por outra, manteranse contactos con operadores turísticos especializados, co obxectivo de organizar viaxes cara a Comunidade galega coa práctica deste deporte como motivo principal.

Ademais, o departamento de promoción turística da Xunta levará a presenza de Galicia a un dos principais mercados internacionais emerxentes coa súa presenza na Feira JATA de Xapón que terá lugar os próximos 22, 23, 24 e 25 de setembro en Tokio. A través dela, promoverá a oferta turística galega entre os milleiros de persoas que visitan cada ano este salón internacional de turismo

Coa participación nesta feira, Turismo de Galicia reforza a presenza do turismo galego en Xapón, debido ao interese que esperta a Comunidade galega neste país, sobre todo no relacionado co Camiño de Santiago, o turismo cultural, a gastronomía e a natureza.

Mercado xaponés
Ao longo do ano 2015 o mercado turístico xaponés en Galicia experimentou un crecemento importante cando menos no que atinxe ao segmento hoteleiro. Os niveis de demanda subiron nun 19% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 3% as pernoitas.

Polo que respecta aos sete primeiros meses deste ano 2016, cabe salientar que continúa o bo comportamento do turismo xaponés en Galicia, mellorando tamén as cifras de demanda de 2015 en relación a este período incrementándonse nun 11% as pernoctacións.

Turismo náutico
Así mesmo, para a promoción específica dun dos produtos turísticos galegos máis senlleiros, Turismo de Galicia levará a oferta de turismo náutico á feira especializada Grand Pavois, que se celebrará na cidade francesa de La Rochelle entre os días 28 de setembro e 3 de outubro.

A feira Grand Pavois constitúe un dos principais escaparates para a promoción da náutica deportiva en Francia, xunto co Salón Náutico de París.

Un dos aspectos máis importantes da presenza de Turismo de Galicia neste evento é a relación cos operadores turísticos especializados de Francia, un país no que a náutica conta cun gran desenvolvemento. Ademais, Turismo de Galicia ofrecerá información específica sobre náutica recreativa ao público xeral que acuda á feira así como da oferta e os produtos turísticos da comunidade galega.

Oferta termal
Por último, un ano máis Turismo de Galicia participará en Termatalia, a través da cal levará a oferta de turismo de saúde a México tamén neste mes de setembro.

Esta Feira Internacional do Turismo Termal converteuse nunha referencia mundial do turismo de saúde e unha ponte de conexión entre a tradición termal europea e o potencial termal de Iberoamérica. Así, constitúe unha oportunidade única para poñer de manifesto a innovación e a capacidade de dinamización e de activación económica dun sector estratéxico para o turismo galego.