Friday 22 de November de 2024

Frades mellora catro viais cun investimento de case 80.000 euros no Plan MARCO


Nas vindeiras semanas comezarán a executarse os proxectos incluídos no Plan de Obras e Servizos (POS) 2016, valoradas en 157.000 euros

Catro viais do Concello de Frades víronse beneficiados por un investimento de 79.105 euros, dentro do Plan MARCO de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrogandeiras, impulsado pola Xunta de Galicia.

As pistas melloradas son a que comunica os lugares de Tañoi con Marís, na parroquia de Abellá, a que vai ao Consello (Papucín), a que une Vitre con Aboi pasando por Céltigos, e o camiño da Chousa de Atrás, na parroquia de Ledoira.

Próximo inicio do POS
Todas estas obras xa están rematadas e nas vindeiras semanas darán comezo os proxectos incluídos no Plan de Obras e Servizos (POS) 2016, que recolle investimentos por valor de 157.004 euros. O POS está distribuído en dous proxectos. Un deles, orzamentado en 91.531 euros, recolle a mellora do camiño desde Receá (Ledoira) ata Pontebrates (Añá), que será rebacheado e dotado de aglomerado, e o camiño que vai desde a estrada autonómica AC-524 en Abellá ata Caboladrón (Mesos), ao que tamén se lle aplicará aglomerado.

O outro proxecto do POS, cun orzamento de 65.473 euros, contempla a reparación dos accesos a Sibío (Gafoi), os accesos á Ponte Carreira (Gafoi), unha pista e os accesos en Vilar (Ledoira), os accesos a Ribadas (Ledoira), os accesos a San Paio (Añá), os accesos á praza pública e ao aparcadoiro de Añá, e un bacheo na pista que comunica a Camposa coa Chousa de Atrás (Ledoira).